A evolución do estado autonómico. Da descentralización asimétrica á recentralización uniformista

AutorConstantino Cordal Rodríguez
Cargo del AutorProfesor da Área de Ciencia Política e da Administración Universidade de Vigo, Galiza, España
Páginas389-404
389
A evolución do estado autonómico.
Da descentralización asimétrica á
recentralización uniformista
Constantino Cordal Rodríguez
Profesor da Área de Ciencia Política e da Administración
Universidade de Vigo, Galiza, España
tinocordal@uvigo.es
1. O marco constitucional
A transición política á democracia, entre a morte de Franco en novembro de
1975 e a promulgación da Constitución en decembro de 1978, pode ser entendida como
un período durante o cal se acadou un acordo entre os sectores franquistas, conscientes
da necesidade das reformas para manter parte do seu poder, e os sectores da oposición
democrática ao franquismo, coñecedores da súa debilidade organizativa comparada coas
institucións coercitivas do aparello estatal.
Xa que logo, a Constitución española de 1978 foi deseñada, tras case corenta
anos de existencia dun réxime ditatorial fascista, sobre a base do consenso político, de
tal xeito que se intentaron evitar as profundizacións sobre aqueles aspectos máis
previsiblemente polémicos, cuxa resolución debería agardar ata a estabilización ou a
posterior consolidación do sistema constitucional.
Naqueles anos da transición, a necesidade dunha profunda reestruturación
territorial do Estado era entendida como unha cuestión ineludible por parte dos partidos
democráticos. O problema exposto pola existencia dunhas nacionalidades (Catalunya,
Euskadi e Galiza) cunha identidade lingüística, histórica, social e cultural distinta á do
resto do Estado era unha das cuestións fundamentais tomadas en consideración durante
o proceso de negociacións e de construción do consenso. Por iso, a Constitución de
1978 concibe a Nación española como un grupo de nacionalidades e rexións con
identidades específicas que difiren en termos de lingua, tradicións culturais e símbolos
identificativos.
Na nova orde política-constitucional, estas identidades particulares implicaban,
xa que logo, o seu recoñecemento e, con el, o dereito ao autogoberno cunha esfera de
poderes lexislativo e executivo, e unha serie de institucións representativas propias.
Tales prerrogativas, con todo, non supoñían ningún reto nin poñían en cuestión a
indisoluble unidade de España.
Este acordo está reflectido na Constitución e, posteriormente, tamén nos
dezasete Estatutos de Autonomía establecidos polas Comunidades Autónomas (CCAA)
para fixar as súas normas e institucións básicas. Neste sentido, o modelo historicamente
dominante dun Estado-nación unitario e altamente centralizado foi definitivamente
390
abandonado, pero tamén a idea dunha federación plurinacional que algúns dos partidos
políticos nacionalistas e de esquerdas, o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) entre
eles, expuxeran nos seus proxectos iniciais (Cuchillo, 1993, p. 213).
Neste contexto histórico naceu o Estado das Autonomías, deseñado nos seus
aspectos básicos pola Constitución, tras un amplo acordo entre os partidos políticos de
ámbito estatal (coa excepción de Alianza Popular (AP)) e os partidos políticos
nacionalistas cataláns e vascos. Un compromiso que aínda que non colmaba plenamente
as aspiracións destes últimos, obrigados pola realidade do contexto a limitar as súas
reivindicacións de autogoberno, satisfixo parcialmente naquel momento a ambas partes,
coñecedoras das limitacións existentes e conscientes de que a ruptura do mesmo poría
en perigo a estabilidade da orde democrática consensuada.
En consecuencia, recoñecéuselle á Constitución un exceso de esquematicidade
e certa falta de claridade á hora de tratar determinadas cuestións conceptualmente
esenciais para a formulación da organización territorial do Estado: "o amplo consenso
interpartidario que fixo posible a redacción da nova Constitución democrática, aprobada
pola maioría dos españois o 6 de decembro de 1978, tamén achegou un elemento de
ambigüidade na formulación da organización territorial do Estado das Autonomías.
Dalgún xeito, dous conceptos diversos de España, tradicionalmente confrontados o un
co outro, foron integrados no texto constitucional. Dunha parte, a idea dunha nación-
estado española indisoluble e única; doutra, a noción de España como un conxunto
diverso de pobos, rexións e nacionalidades históricas" (Moreno, 1997, p. 78).
A Constitución non contén un pronunciamento expreso sobre a natureza ou o
carácter da forma territorial do Estado que posibilita. Tampouco estableceu un mapa
predeterminado de CCAA (desde unha perspectiva legal-constitucional, non todas as
provincias tiñan que chegar a ser necesariamente parte dunha comunidade autónoma, e
a adquisición dun Goberno autonómico debería ocorrer a través dun proceso que
comezase dende abaixo, é dicir, dende as mesmas nacionalidades e rexións) nin fixou un
modelo específico de delegación de poderes. O nivel de autonomía que poderían
alcanzar as CCAA eventualmente constituídas podía variar desde a autonomía política
ata a autonomía administrativa. Ademais, a Constitución non impuxo unha distribución
determinada de competencias que serían necesariamente asumidas polas CCAA. Os
poderes transferidos a cada comunidade podían variar amplamente dentro do rango
establecido pola Constitución e así se viu reflectido nos respectivos Estatutos de
Autonomía.
De acordo con Cuchillo (1993, p. 215), o marco constitucional está basicamente
deseñado polos seguintes catro elementos:
1) Unha lista de poderes para ser delegados ás CCAA e outra con aqueles que
quedan necesariamente reservados para as institucións estatais (artigos 148 e
149.1).
2) Unha cláusula residual conferindo todos os poderes e funcións non
expresamente asumidos polas CCAA nos seus Estatutos de Autonomía ao
Goberno central (art. 149.3).

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR