DECRETO 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Rango de LeyDecreto

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no artigo 1 crea a Axencia e adscríbea á consellería con competencias en materia de cultura da Xunta de Galicia.

De acordo co sinalado na disposición transitoria primeira da Lei 4/2008, a Agadic sucedeu desde a súa creación, en todas as súas funcións e relacións xurídicas activas e pasivas, o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (en diante, Igaem).

A Axencia Galega das Industrias Culturais asume, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, acrecentando os esforzos e recursos destinados a mellorar e afondar nestas medidas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola consellería competente en materia de cultura.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece nos artigos 74 a 88 a regulación das axencias públicas autonómicas. O artigo 54.3 prevé que, despois da creación da Axencia, se procederá á aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda.

Este decreto ten por finalidade aprobar o estatuto que rexerá o funcionamento da Axencia e adaptar as normas da Agadic ao réxime da Lei 16/2010, consonte a habilitación prevista no artigo 2.3 da Lei 4/2008 e na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, así como fixar as normas de dereito transitorio para o persoal que presta servizo na Axencia.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, tras o informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único Aprobación do Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais

Apróbase o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, ao abeiro do establecido nos artigos 2.3 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e 54 e disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e cuxo texto se insire como anexo deste decreto.

Disposición adicional única

  1. A partir da entrada en vigor deste decreto, a Dirección da Agadic continuará como órgano executivo da Axencia e procederase á constitución do Consello Reitor, que substituirá o actual Consello de Dirección, no prazo dun mes.

  2. Así mesmo, suprímense as áreas que constituían a estrutura básica do Igaem.

Disposición transitoria primeira

O persoal do extinto Igaem que, como persoal da Xunta de Galicia, presta os seus servizos na Agadic continuará prestando os ditos servizos sen variación das súas condicións de traballo, de conformidade co disposto no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Disposición transitoria segunda

No momento da entrada en vigor do estatuto, as persoas que exercen a Dirección do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego exercerán a coordinación dos departamentos de Produción Teatral e de Produción Coreográfica, respectivamente, ata o momento da designación das novas persoas titulares dos ditos departamentos.

Disposición derradeira primeira

Nun prazo máximo de tres meses desde a aprobación do estatuto deberá terse formalizado o contrato de xestión da Agadic.

Disposición derradeira segunda

Facúltase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez FeijóoPresidente

Jesús Vázquez AbadConselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXOEstatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais

Capítulo IDisposicións xerais

Artigo 1 Natureza xurídica e adscrición
  1. A Axencia Galega das Industrias Culturais (en diante, Agadic) é unha axencia pública autonómica.

  2. A Axencia ten personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, dispón de patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión e funcional, dentro dos límites establecidos pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e polo presente estatuto.

  3. A Agadic adscríbese á consellería competente en materia de cultura.

Artigo 2 Réxime xurídico
  1. A Agadic réxese pola Lei 16/2010; pola normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; polo presente estatuto e demais normativa reguladora do sector público autonómico.

  2. A Agadic está sometida ao dereito público na formación da vontade dos seus órganos, no exercicio das potestades administrativas que ten atribuídas e naqueles aspectos que, de acordo coa lexislación xeral administrativa ou orzamentaria, deban estar sometidos ao dereito público.

  3. A Agadic ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden.

  4. As relacións da Agadic cos poderes adxudicadores teñen natureza instrumental e non contractual e articúlanse a través de encomendas de xestión das previstas na lexislación de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

  5. A Agadic non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos cales sexa medio propio e servizo técnico. Porén, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

Artigo 3 Principios de actuación da Agadic
  1. A Agadic respectará na súa actuación os principios de xestión transparente por obxectivos, de servizo á cidadanía, ás institucións e á sociedade no seu conxunto, de obxectividade, eficacia e eficiencia e, especificamente, os seguintes:

    1. Principios de transparencia e participación, entendidos, respectivamente como a rendición de contas á cidadanía e como o compromiso de consulta e participación dos interesados na realización dos seus traballos.

    2. Principios de autonomía e responsabilidade, entendidos, respectivamente, como a capacidade da Axencia de xestionar con autonomía os medios postos ao seu dispor para alcanzar os obxectivos comprometidos, e como a súa disposición para asumir as consecuencias dos resultados alcanzados.

    3. Principios de cooperación interadministrativa e participación institucional, entendidos, respectivamente, como a disposición activa a colaborar con outras administracións e institucións.

    4. Principio de calidade e mellora continua, entendido como o compromiso sistemático coa autoavaliación e a utilización de modelos que permitan establecer áreas de mellora.

  2. Así mesmo, a Agadic incorporará ao seu funcionamento políticas específicas en materia de xénero, así como aquelas que contribúan á normalización e ao fomento da lingua galega.

...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR