DECRETO 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Facenda e Administración Pública
Rango de LeyDecreto

No Diario Oficial de Galicia núm. 94, do 16 de maio de 2022, publicouse o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. No Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 27 de maio de 2022, publicouse o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O artigo 3 do Decreto 73/2022 sinala que a Consellería de Facenda e Administración Pública se estrutura nos seguintes órganos de dirección: a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, a Dirección Xeral da Función Pública e a Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.

Así mesmo, recolle que quedan adscritos a esta consellería o organismo autónomo Instituto Galego de Estatística, o organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Tributaria de Galicia, o Consello Económico e Social e o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia.

O Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública (Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 27 de xaneiro), foi modificado parcialmente a través do Decreto 165/2021, do 10 de decembro (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 242, do 20 de decembro).

As modificacións de maior calado da estrutura da Consellería derivan directamente da adaptación desta ao citado Decreto 73/2022, que prevé, por un lado, a adscrición da Amtega á Consellería, e, por outro, a creación dunha nova dirección xeral: a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos.

Este último feito obriga a dividir as competencias antes desempeñadas pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos en dous centros directivos: a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro e a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos.

Do mesmo xeito, as competencias da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos relativas á programación de fondos europeos pasan á nova dirección xeral, que terá ao seu cargo a xestión do ciclo completo dos fondos europeos, desde a súa programación ata a súa verificación.

No nivel de dirección xeral, cambia así mesmo o seu nome a anterior Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, que pasa a denominarse Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, e asume novas competencias, especialmente en materia de integridade institucional.

Aprovéitase esta modificación da estrutura da Consellería para a realización doutros cambios de unidades de menor nivel, que xa estaban previstos con anterioridade ou que derivan dos realizados nas direccións xerais.

Así, na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Unidade de Auditoría e de Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario pasa a integrarse na Oficina Galega de Auditoría e Control; así mesmo, adscríbese a esta oficina o Equipo de Axudas de Estado, encargado da elaboración dos informes preceptivos respecto da coherencia das subvencións e axudas co Plan estratéxico de Galicia e a normativa comunitaria de aplicación, así como a análise do cumprimento da normativa de axudas de Estado.

Finalmente, suprímese a Subdirección Xeral de Entidades Financeiras e Corporacións Locais e as súas competencias intégranse noutra subdirección xeral do mesmo centro directivo.

A estrutura orgánica que aproba este decreto está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1.1ª da Constitución española e 27.1 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúen á Comunidade Autónoma galega para organizar as súas institucións de autogoberno e atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1. da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Organización xeral

Artigo 1 Ámbito competencial

A Consellería de Facenda e Administración Pública é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións que en materia de facenda e de función pública se establecen no Estatuto de autonomía, así como a coordinación en materia de contratación pública e as competencias en materia de simplificacion administrativa, de conformidade coa lexislación vixente. Así mesmo, corresponderanlle as competencias relativas á definición, desenvolvemento e execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións e a súa aplicación para a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Artigo 2 Estrutura da Consellería
  1. Para o desempeño das súas funcións, a Consellería de Facenda e Administración Pública estrutúrase nos seguintes órganos:

    1. A persoa titular da Consellería.

    2. A Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

    3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

    4. A Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

    5. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

    6. A Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos.

    7. A Dirección Xeral da Función Pública.

    8. A Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.

    9. Os órganos colexiados, referidos no número tres deste artigo.

  2. Adscríbense á Consellería de Facenda e Administración Pública as seguintes entidades:

    1. O Instituto Galego de Estatística, organismo autónomo que se axustará, en canto aos seus fins, estrutura e funcionamento, ao previsto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e ás normas que a desenvolven.

    2. A Escola Galega de Administración Pública, organismo autónomo que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e demais normas de aplicación, que queda adscrita directamente á Consellería a través da Dirección Xeral da Función Pública.

    3. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, axencia pública autonómica creada polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro.

    4. A Axencia Tributaria de Galicia, axencia pública autonómica creada polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro.

    5. O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

  3. Adscritos á Consellería existirán os órganos colexiados seguintes:

    1. A Xunta Superior de Facenda, creada coa denominación de Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia pola Lei 13/1991, do 9 de decembro, e regulada polo Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, que modificou a súa denominación en virtude do exposto na disposición adicional primeira da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

    2. O Consello Galego de Estatística, creado pola Lei 9/1988, do 19 de xullo.

    3. A Comisión Orzamentaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 206/1996, do 24 de maio.

    4. A Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, regulada no Decreto 139/2012, do 29 de xuño.

    5. A Comisión de Nóminas, regulada polo Decreto 93/2016, do 21 de xullo.

    6. A Comisión de Seguimento e Control do Gasto Corrente, creada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de maio de 2000.

    7. A Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, creada pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e regulada no artigo 18 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no Decreto 156/1988, do 9 de xuño.

    8. O Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega, creado polo Decreto 143/2008, do 3 de xullo.

    9. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que modifica a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

    10. A Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación da Calidade dos Servizos Públicos da Administración...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR