DECRETO 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Rango de LeyDecreto

No sistema económico global actual, caracterizado polo seu alto nivel de competitividade, a innovación, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxicos configúranse como valores estratéxicos de necesario fomento por parte das administracións públicas, especialmente, nun contexto de crise coma o actual.

A Xunta de Galicia, consciente do importante papel que, como se acaba de sinalar, desempeña a actividade de I+D+i desde o punto de vista do desenvolvemento económico, realizou unha forte aposta polo seu impulso e fomento, por consideralo o xeito máis apropiado para lograr o crecemento e fortalecemento das empresas galegas existentes e a creación doutras novas, que permitan aumentar a riqueza da Comunidade Autónoma e, en consecuencia, a calidade de vida da cidadanía galega.

En todo caso, unha premisa esencial para a axeitada implementación das políticas da Xunta de Galicia en materia de I+D+i e para o cumprimento satisfactorio dos obxectivos anteriormente sinalados é a existencia dunha adecuada organización administrativa que permita unha actuación da Administración pública máis eficaz e eficiente.

A fórmula máis acaída para levar a cabo este labor, dadas as súas características, é a das axencias públicas, definidas no artigo 74.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, como entes públicos aos cales se lles encomenda a realización de actividades en réxime de descentralización funcional e xestión por obxectivos para o cumprimento dos programas específicos correspondentes a políticas públicas da Xunta de Galicia.

As axencias públicas constitúen o piar básico de calquera proceso de modernización organizativa da Administración pública, posto que introducen unha nova cultura de xestión, baseada na planificación da actividade por obxectivos e na avaliación dos resultados nun marco de maior flexibilidade e responsabilidade xestora.

Esta foi, precisamente, a opción escollida pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en cuxa disposición adicional segunda se autoriza a creación da Axencia Galega de Innovación, adscrita á Consellería de Economía e Industria.

A finalidade da Axencia Galega de Innovación é apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas, fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, substituíndo, deste modo, a Dirección Xeral de I+D+i, que quedará suprimida no momento da súa creación efectiva.

A creación da Axencia Galega de Innovación, autorizada, como se acaba de sinalar, na citada disposición adicional segunda, e a aprobación dos seus estatutos, incorporados como anexo, constitúen o obxecto deste decreto, que consta dun artigo único, cinco disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

Conforme sinala o artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, por iniciativa da Consellería de Economía e Industria, vistos os informes favorables das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único Creación da Axencia Galega de Innovación e aprobación dos seus estatutos.

En virtude da autorización prevista no punto primeiro da disposición adicional segunda da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, créase a Axencia Galega de Innovación, para o cal se aproban os seus estatutos, cuxo texto se insire no presente decreto como anexo.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Galega de Innovación.

  1. A constitución da Axencia Galega de Innovación producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto.

  2. Na data de constitución da Axencia Galega de Innovación quedará suprimida a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria. A Axencia subrogarase na totalidade dos seus dereitos e obrigas derivados do exercicio das correspondentes competencias e sucederaa en todas as súas competencias e funcións. Resultarán igualmente suprimidas a Subdirección Xeral de Xestión do PGDIT e a Subdirección Xeral de Innovación Empresarial e os servizos delas dependentes.

  3. Todas as referencias normativas relativas á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación se entenderán referidas á Axencia Galega de Innovación.

    Disposición adicional segunda. Integración e adscrición de persoal.

    Quedan adscritos á Axencia Galega de Innovación, no momento da súa constitución efectiva, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo previstos na relación de postos de traballo correspondentes á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, coas dotacións existentes no momento de creación da Axencia. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña por resolución da Dirección. Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente á Axencia, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

    Os empregados públicos da Xunta de Galicia que pasen a formar parte do persoal ao servizo da Axencia Galega de Innovación por ocuparen postos de traballo aos que correspondan funcións asignadas a ela, estarán na situación de servizo activo no seu corpo ou escala ou categoría de procedencia, conservando a súa antigüidade e o grao que tivesen consolidado e cos mesmos dereitos e obrigas que tivesen no momento da súa incorporación.

    Disposición adicional terceira. Inventario.

    A Axencia Galega de Innovación realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriban e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade, antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento.

    Disposición adicional cuarta. Primeiro contrato plurianual de xestión.

    O Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

    Disposición adicional quinta . Creación do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación e creación do Observatorio de Innovación de Galicia.

    No prazo de seis meses desde a constitución da Axencia Galega de Innovación procederase á creación do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación e do Observatorio de Innovación de Galicia, que quedarán adscritos á Axencia Galega de Innovación.

    Disposición transitoria primeira. Servizos comúns e apoio técnico á Axencia Galega de Innovación.

  4. Mentres a Axencia non dispoña dos medios persoais necesarios para acadar a súa autonomía e executar os fins que lle corresponden, os servizos comúns da Consellería de Economía e Industria continuarán exercendo, en relación coa Axencia Galega de Innovación, as competencias que teñen atribuídas respecto á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

  5. Mentres non se proceda á dotación da Asesoría Xurídica da Axencia, o asesoramento xurídico desta corresponderá á Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Industria, para o cal se concertará o oportuno convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no seu regulamento orgánico.

    Disposición transitoria segunda. Adscrición provisional.

  6. A persoa titular da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación desempeñará provisionalmente as funcións de directora ou director da Axencia desde a data de constitución desta ata a designación da persoa titular da Dirección da Axencia.

  7. As persoas titulares das subdireccións e dos servizos da extinta Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación desempeñarán provisionalmente as áreas e divisións da Axencia que...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR