Decreto 68/2004, do 11 de marzo, sobre a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL
Rango de LeyDecreto

Existe unha crecente sensibilidade na elección de produtos nos que os métodos de produción garanten e prioricen o respecto pola saúde e coidado do medio. Consecuentemente, demándanse sistemas de produción que permitan a trazabilidade dos produtos de xeito que posibiliten o coñecemento da súa orixe, a identificación das súas características así como os controis e os procesos seguidos en cada fase de obtención.

A alta incidencia de pragas e enfermidades controladas principalmente a través da loita química levou en ocasións a un mal uso e abuso dos pesticidas, motivando en determinados casos a aparición de residuos nos produtos agrícolas, resistencia en poboacións, problemas toxicolóxicos, eliminación da fauna auxiliar autóctona, danos ambientais.

A necesidade de obter unha produción na que se priorice aínda máis a calidade e a saúde humana, compatibilizándoa coa salvagarda do medio e a rendibilidade das explotacións impulsou a busca e a aplicación de novas técnicas de cultivo que foron derivando cara ao concepto e desenvolvemento da produción integrada, técnicas que se veñen fomentando a través da creación de asociacións ou agrupacións de agricultores que, cun técnico cualificado, vixían o cumprimento das prescricións técnicas dos cultivos, minimizando o uso de produtos químicos e os seus efectos secundarios.

A produción integrada é un sistema de produción agraria, que integra os recursos e os mecanismos de produción natural nas actividades das explotacións agrarias, introducindo tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade, a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de insumos exteriores e de fontes contaminantes. A produción integrada de vexetais constitúe ademais a materia prima e punto de partida para os distintos produtos finais do sistema. O rigoroso seguimento e control das distintas fases produtivas garantirán un obxectivo prioritario como é a trazabilidade.

A produción gandeira integrada vincularase gradualmente á produción integrada dos cultivos que serven de fonte alimenticia en función das peculiaridades dos distintos produtos gandeiros e da súa vinculación á base territorial.

O Decreto 108/2001, do 3 de maio, polo que se regula a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios, estableceu o marco baixo o cal se desenvolverá o sistema de produción integrada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Posteriormente, o Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro (BOE nº 287, do 30 de novembro), polo que se establece a produción integrada de produtos agrícolas, crea as bases para regular a produción integrada e a diferenciación dos seus produtos no ámbito nacional. Neste sentido, establece sen prexuízo doutras disposicións que se é o caso regulen a produción, elaboración, comercialización, etiquetaxe e control de produtos vexetais, os requisitos xerais que deben cumprir os operadores que queiran acollerse ao sistema de produción integrada e facer uso do distintivo de garantía e as regras xerais válidas para as explotacións agrícolas correspondentes.

Respecto do uso da identificación de garantía o dito real decreto regula especificamente o emprego dunha identificación de garantía nacional, sen prexuízo das identificacións de garantía que poidan establecer as comunidades autónomas, e introduce a posibilidade de que as entidades ou organizacións privadas e as súas asociacións, poidan establecer as súas propias identificacións de garantía de produción integrada, determinando os requisitos necesarios para isto.

O Goberno galego mediante este decreto adecua a regulación de produción integrada á normativa básica e establece a normativa autonómica na materia e, para isto defínense unhas normas xerais de produción e requisitos que deben cumprir os operadores que se acollan ao sistema de produción integrada, así como o control que se deberá aplicar en todo o sistema produtivo. Así mesmo, establécese un sistema de diferenciación propio e créase o Rexistro Oficial de Produción Integrada da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se inscribirán os operadores e as entidades de certificación autorizadas.

Esta disposición foi sometida ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño, modificado pola Directiva 98/48/CE, do 20 de xuño, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ao ordenamento xurídico español.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e á vista das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día once de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular o sistema de produción integrada na Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo:

-As normas de produción e requisitos xerais que deben cumprir os operadores que se acollan ao sistema de produción integrada.

-O contido dos regulamentos técnicos de produción.

-O sistema de control, seguimento e certificación dos produtos agrarios.

-O uso dunha identificación de garantía que diferencie estes produtos ante o consumidor.

-O Rexistro Oficial de Produción Integrada de Galicia.

Artigo 2º Ámbito de aplicación.

Este decreto seralles aplicable aos produtos agrarios que mediante técnicas de produción integrada se produzan de conformidade co establecido neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 3º Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

  1. Produción integrada (P.I.): un sistema de produción agraria, que utiliza ao máximo os recursos e os mecanismos de produción naturais mediante a introdución de tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade contrastada, a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de insumos exteriores e de fontes contaminantes.

  2. Operador: toda persoa física ou xurídica que obteña, manipule, elabore, envase, etiquete, almacene ou comercialice produtos agrarios nas condicións establecidas neste decreto.

  3. Actividades de produción: son todas...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR