DECRETO 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Rango de LeyDecreto

O Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia foi aprobado como desenvolvemento do compromiso do Goberno galego asentado en criterios de máxima eficacia, austeridade e economía na súa actuación e organización administrativa.

De acordo con estes criterios foron aprobados os decretos 233, 234 e 235/2012, do 5 de decembro, polo que se determinan a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e a estructura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, respectivamente, obedecendo aos postulados de racionalización, simplificación e redución das estruturas administrativas da Xunta de Galicia.

Consecuencia deste novo marco departamental, configúrase a nova Vicepresidencia da Xunta de Galicia como un órgano superior de coordinación da Presidencia da Xunta de Galicia en relación á planificación interdepartamental e a súa execución, ás relacións coas administración locais, ao programa lexislativo da Xunta de Galicia e á elaboración de normas de carácter xeral e, en particular, con funcións de coordinación das relacións entre o poder executivo e o Parlamento de Galicia; todo isto, sen perxuízo de que o/a presidente/a da Xunta de Galicia poida delegarlle calquera outra función co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administraiva.

Para o correcto desenvolvemento destas funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza prestaralle o apoio e auxilio necesario.

Así pois, a nova estrutura plasmada neste decreto xorde como consecuencia da necesidade de optimizar recursos públicos e de continuar co proceso de racionalización, simplificación e redución das estructuras administrativas iniciado polo actual Goberno, mantendo o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos e sen que a nova ordenación supoña incremento de gasto.

Desta forma, procédese agora a establecer a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante a restruturación de competencias horizontais encamiñadas a apoiar a Vicepresidencia no desenvolvemento dos seus labores, a reorganización e agrupación das subdireccións xerais e das demais unidades administrativas.

Así mesmo, o decreto modifica, na disposición derradeira primeira, o Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, co obxecto de clarificar e detallar as funcións da Secretaría de Asuntos Xerais que pasa a denominarse Servizo de Asuntos Xerais, como órgano de asistencia ao director/a xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

De conformidade co exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e cinco de abril de dous mil trece,

DISPOÑO:

TÍTULO IÁmbito competencial e organización xeral da Vicepresidenciae da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Artigo 1 Ámbito competencial
  1. A Vicepresidencia da Xunta de Galicia configúrase como un órgano superior de coordinación da Presidencia da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde, ademais das funcións e competencias establecidas no artigo 1 do Decreto 233/2012, do 5 de decembro, a promoción e adopción de medidas encamiñadas á consecución da Igualdade efectiva das mulleres e dos homes así como a asistencia xurídica da Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, configurada como órgano de apoio e asistencia á Presidencia e á Vicepresidencia da Xunta de Galicia, é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de xustiza, administración local, relacións institucionais e parlamentarias, emerxencias e interior, relacións exteriores e coa Unión Europea e avaliación e reforma administrativa, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos que integran este departamento.

Artigo 2 Estrutura da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
  1. A Vicepresidencia da Xunta de Galicia, baixo a superior dirección do/a seu/súa titular, contará para o exercicio das súas funcións, coa seguinte estrutura orgánica:

    1. A Secretaría Xeral da Igualdade.

    2. A Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de Dirección Xeral.

  2. A Vicepresidencia da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 233/2012, do 5 de decembro, contará para o desenvolvemento das súas funcións e competencias co apoio e auxilio da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

  3. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, baixo a superior dirección do/a seu/súa titular, contará para o exercicio das súas funcións, coa seguinte estrutura orgánica:

    1. A Secretaría Xeral Técnica.

    2. A Dirección Xeral de Xustiza.

    3. A Dirección Xeral de Administración Local.

    4. A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

    5. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

    6. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

    7. A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

Artigo 3 Órganos adscritos organicamente á Consellería
  1. Os órganos superiores previstos no artigo único do Decreto 234/2012, do 5 de decembro, dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

  2. As delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo quedan adscritas organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e exercerán as competencias previstas no artigo 7 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable.

    Na orde funcional dependerán das directrices, instrucións ou criterios que emanen dos diversos órganos superiores das consellerías que correspondan por razón das distintas competencias materiais.

  3. As secretarías territoriais, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependen orgánica e funcionalmente dos delegados ou delegadas territoriais, e exercerán as seguintes funcións:

    1. O apoio e asesoramento ao delegado ou delegada territorial no exercicio das súas competencias.

    2. A substitución do delegado ou delegada territorial en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

    3. A xestión e coordinación dos servizos de automobilismo provinciais e do persoal adscrito a el, así como a utilización das súas dependencias e garaxes.

    4. Cantas outras competencias lle sexan atribuídas ou delegadas.

  4. Así mesmo, quedan adscritos á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as delegacións da Xunta de Galicia no exterior, os órganos colexiados en que así se determine pola súa normativa reguladora e o Instituto de Medicina Legal de Galicia, órgano técnico ao servizo da Administración de xustiza, creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio.

...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR