RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (SI429A).

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyResolución

A Secretaría Xeral da Igualdade configúrase como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias de promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, segundo o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, así como propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, tal e como se recolle no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, no que se establecen as funcións do departamento.

As medidas de fomento ás iniciativas empresariais promovidas por mulleres e baseadas en fórmulas de promoción do autoemprego constitúen actuacións eficaces para a xeración e o mantemento de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que repercuten na redución da taxa de paro feminino que certamente segue sendo máis elevada que a do home. Son, por tanto, medidas que no contexto de crise económica actual cobran especial relevancia, polo que resulta obrigado fomentalas por parte da Administración en xeral e dos organismos de igualdade en particular.

Concretamente, o crecemento do autoemprego e das iniciativas empresariais está sendo sustentado nunha ampla porcentaxe por mulleres, as cales manteñen de forma máis constante a actividade emprendedora neste momento de crise e lideran a creación de negocios, unha alternativa particularmente interesante neste momento no que son maiores as dificultades para atopar emprego asalariado.

Así mesmo, a definitiva incorporación e participación en igualdade das mulleres no mercado laboral non será posible mentres non se arbitren medidas que permitan que a responsabilidade parental e familiar se comparta entre as mulleres e os homes, poñendo en marcha medidas que favorezan a atención igualitaria das obrigas do traballo e tamén das responsabilidades familiares.

No marco destas competencias e obxectivos enmárcase o programa Emega, un programa de axudas definido para estimular as mulleres emprendedoras a materializar as súas ideas empresariais, apoiándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo.

O programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, no que se complementan accións de apoio directo ao desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación da vida laboral e persoal, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. O conxunto de axudas que conforma o programa defínese por liñas, que inciden nos factores do emprendemento que posibilitan a incorporación das mulleres á vida económica e ao liderado empresarial: o proxecto, a organización e a promotora-empresaria. Así, establécense tres liñas de actuación en función de tres fases da situación dun proxecto empresarial –identificadas como inicial ou de posta en marcha, de progresión ou expansión, a través da innovación, e de consolidación– denominadas liña Emprende, liña Innova e liña Activa, que se complementan cunha cuarta liña, denominada Concilia, establecida en atención á maternidade das promotoras e á organización do proceso de traballo na empresa.

A través da presente norma establécense as bases reguladoras do sistema de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para fomentar o emprendemento feminino, articuladas a través do programa Emega, unha medida de acción positiva co obxectivo básico de posibilitar que as mulleres emprendedoras se integren no sector produtivo poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais e implantando nas empresas novas formas de organización do traballo con que aplicar novas habilidades técnicas e de xestión, de emprego dos tempos e de desenvolvemento sustentable no emprego dos recursos; en definitiva, trátase de facilitar ferramentas adecuadas para proporcionar flexibilidade na execución do traballo e así ampliar o abano de posibilidades de integración no tecido produtivo con vocación e garantías de permanencia.

A xestión deste programa realízase por convocatoria pública de axudas para apoio ao emprendemento feminino baixo o procedemento de concorrencia competitiva, amparado no réxime de axudas minimis e financiado polo Fondo Social Europeo no Programa operativo de Galicia 2007-2013.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG número 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG número 214, do 5 de novembro); na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobados para 2012; e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1 Obxecto, réxime e convocatoria.
  1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para apoio ao emprendemento feminino (programa Emega), sometidas ao réxime de minimis e reguladas polo procedemento de concorrencia competitiva.

  2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2012.

Artigo 2 Financiamento.

Ás axudas obxecto desta convocatoria dedícase un orzamento total de 665.000 euros, que se financia con cargo á aplicación orzamentaria 2012 04.40.313B.470.0 (código de proxecto 201200094) do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Igualdade para o exercicio 2012 e que conta cun cofinanciamento do 80% do Fondo Social Europeo, Programa operativo FSE-Galicia 2007-2013 (eixe 2, tema prioritario 2.69).

De acordo co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e no suposto previsto no artigo 25.3 do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, despois da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3 Lugar e prazo de presentación de solicitudes.
  1. As solicitudes presentaranse, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a solicitante ou representante legal, e terán que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

    No caso de que se optase por presentar a solicitude, ou calquera outra documentación que se achegue nas distintas fases do procedemento, ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que sexa selada e datada pola oficina antes de ser certificada, segundo o establecido no Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación de servizos postais.

    Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

  2. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

    – Será necesario que a presentadora sexa a persoa física que figura identificada como solicitante nos formularios de solicitude e, no caso de sociedades, a persoa física que exerza a súa representación legal.

    – O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

    1. DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

    2. Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR