Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Rango de LeyDecreto

Exposición de motivos

A atención ao colectivo de poboación con algún tipo de discapacidade ou limitación, que lle causou ou lle pode chegar a causar unha dependencia para as actividades da vida diaria ou necesidades de apoio para a súa autonomía persoal en igualdade de oportunidades, convértese nun reto ineludible para os poderes públicos, que require unha resposta firme, sostida e adaptada ao noso actual modelo de sociedade. Así se establece na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, cando no seu artigo 3 formula, como un dos obxectivos do Sistema Galego de Servizos Sociais «garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia».

Previamente, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, regula as condicións básicas de acceso ao denominado Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). Como se establece no seu preámbulo, trátase de configurar un novo desenvolvemento dos servizos sociais que complemente a acción protectora e poida dar resposta ás necesidades de atención das persoas en situación de dependencia.

Neste labor xogan un papel fundamental as comunidades autónomas e, cando corresponda dentro do seu ámbito competencial, ás entidades locais. En concreto, no artigo 11 atribúe ás comunidades autónomas a planificación, a ordenación e a coordinación, no ámbito do seu territorio, dos servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, así como xestionar os recursos necesarios para iso. Así mesmo, o artigo 12 prevé que as entidades locais participarán na xestión dos servizos de atención ás persoas en situación de dependencia de acordo coa normativa das súas respectivas comunidades autónomas e dentro das competencias que a lexislación vixente lles atribúe.

O preámbulo da propia lei recoñece, tamén, que as necesidades das persoas dependentes foron atendidas, fundamentalmente, desde os ámbitos autonómico e local, polo que a colaboración entre as comunidades autónomas e as entidades locais é determinante para a atención ás persoas en situación de dependencia e para lograr unha mellor xestión dos servizos, conforme as competencias que a lexislación vixente lle atribúe.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu punto 23, lle atribúe á comunidade autónoma, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estructurar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia.

Os poderes públicos galegos garanten como dereito recoñecible e exixible o dereito das persoas aos servizos sociais que lles correspondan en función da valoración obxectiva das súas necesidades, co fin de posibilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude e facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento da Lei 39/2006, do 14 de decembro, publicouse o Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, á vista da evolución da implantación do sistema de atención á dependencia na comunidade autónoma e das súas dificultades, esta disposición, por proposta da Consellería de Traballo e Benestar, ten por obxecto avanzar no desenvolvemento da atención e prevención da situación de dependencia, adaptarse aos últimos cambios normativos, consolidar os dereitos das persoas con grao e nivel de dependencia, así como de todas aquelas persoas que xa eran usuarios do Sistema Galego de Servizos Sociais con anterioridade á entrada en vigor da normativa específica en materia de dependencia, e garantir a máxima axilidade e eficacia nos procedementos de valoración da dependencia e da elaboración do Programa Individual de Atención. Por tales motivos faise precisa unha modificación substancial da actual regulación do procedemento que leva consigo a derrogación, pola presente, da actual norma que o regula.

A través do Decreto 79/2009, do 19 de abril, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e, posteriormente, a través do Decreto 83/2009, do 21 de abril, fíxase a estrutura orgánica básica dos departamentos da Xunta de Galicia. Correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar, entre outras, as competencias en materia de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, integrándose dentro da súa estrutura orgánica, aprobada mediante Decreto 335/2009, do 11 de xuño, a Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, que se encargará a través da Subdirección Xeral da Dependencia da coordinación e apoio aos departamentos territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento de grao e nivel de dependencia en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

Este decreto consta de 55 artigos, agrupados nun título preliminar, tres títulos, cinco disposicións adicionais, nove disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título preliminar conta con dous capítulos, contén as disposicións xerais para a aplicación da norma, tales como obxecto e ámbito de aplicación; beneficiarios; catálogo de servizos e prestacións económicas; competencias das distintas administracións públicas, destacando a participación no desenvolvemento da lei ás entidades locais; e faise fincapé no seguimento das prestacións e axudas concedidas. Tamén regula, no seu capítulo II, os órganos do Sistema para a Promoción e Atención á Dependencia en Galicia.

O título I establece os trámites para o recoñecemento da situación de dependencia e para a elaboración do Programa Individual de Atención. O capítulo I recolle disposicións aplicables aos dous, destacando a redución do prazo global de 12 a 6 meses, en sintonía cun procedemento máis áxil cumprindo cos requisitos legais establecidos ao tempo que se evita unha excesiva burocratización, para o fin de dar unha resposta máis rápida ao interesado. É destacable a regulación dun procedemento de emerxencia, xunto tamén, coa...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR