Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

Preámbulo

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo III, determina que se entende por currículo o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada unha das ensinanzas reguladas pola citada lei.

Así mesmo, coa finalidade de asegurar unha formación común a toda a cidadanía española e garantir a validez das titulacións correspondentes, establece que lle corresponde ao Goberno de España fixar os aspectos básicos do currículo en relación aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación que constitúen as ensinanzas mínimas ás cales se refire a disposición adicional primeira, punto 2, letra c, da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o parágrafo primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan.

O Real decreto 1513/2006, do 7 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas da educación primaria que facilitarán a continuidade, progresión e coherencia da aprendizaxe no caso de mobilidade xeográfica do alumnado, desenvolve os aspectos básicos do currículo en relación cos obxectivos, competencias básicas, contidos e criterios de avaliación.

A Lei orgánica de educación indica que serán as administracións educativas as que establezan o currículo das distintas ensinanzas reguladas pola citada lei, do cal formarán parte os aspectos básicos anteriormente indicados.

Os centros docentes desenvolverán e completarán, se for o caso, o currículo das diferentes etapas e ciclos no uso da súa autonomía, tal e como se recolle no capítulo II do título V da Lei orgánica de educación, respondendo ao principio de autonomía pedagóxica, de organización e xestión que a citada lei lles atribúe aos centros educativos coa finalidade de adecuarse ás características e á realidade educativa de cada un deles.

O currículo que se establece neste decreto ten como obxectivo contribuír ao logro dos principios básicos desta Lei orgánica de educación que se expresan no preámbulo e que se resumen en lograr:

* Calidade de educación para todo o alumnado.

* Equidade que garanta a igualdade de oportunidades.

* Esforzo compartido por todas as persoas compoñentes da comunidade educativa.

A educación primaria e mais a educación secundaria obrigatoria constitúen o ensino básico, que é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas.

A educación primaria é, pois, a primeira etapa do ensino obrigatorio. Como tal, caracterízase por unha especial atención á diversidade, pola prevención das dificultades de aprendizaxe e a posta en práctica de apoios e/ou reforzos tan pronto como sexan detectadas, acudindo ás medidas organizativas e/ou curriculares que sexan precisas para asegurar o principio de equidade, sen prexuízo de garantir unha educación común para todo o alumnado.

Nesta liña, estableceranse os mecanismos precisos para lograr unha coordinación entre esta etapa e as de educación infantil e educación secundaria obrigatoria.

Porén, será de grande importancia a acción titorial que vertebre todas as actuacións con cada un dos grupos e con cada alumno e cada alumna dese grupo.

O eixe do traballo nesta etapa educativa será o desenvolvemento das competencias básicas que permitan encamiñar todo o alumnado cara ao logro dunha formación integral, tanto na súa vertente persoal coma nas demandas sociais e culturais que faciliten a continuación dos estudos e, posteriormente, a inclusión na vida laboral, pero sempre coa asunción da necesidade de aprender ao longo de toda a vida.

Ten enorme importancia a presenza no currículo das competencias básicas que o alumnado deberá desenvolver na educación primaria e completar na educación secundaria obrigatoria. As competencias básicas permiten identificar aquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles desde un enfoque integrador e orientado á aplicación dos saberes adquiridos. O seu logro deberá capacitar as alumnas e os alumnos para a súa realización persoal, a incorporación satisfactoria á vida adulta e o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

Será preciso que a organización dos centros educativos, as formas de relación de todas as persoas compoñentes da comunidade educativa, as actividades docentes, así como as complementarias e extraescolares, incidan no desenvolvemento das citadas competencias básicas. Prestarase especial atención á educación en valores e ás normas de convivencia que permitan unha incorporación á sociedade democrática con respecto, interese, esforzo e responsabilidade.

Neste decreto inclúense os seguintes anexos:

Anexo I. Competencias básicas.

Anexo II. Obxectivos, competencias básicas, contidos e criterios de avaliación das distintas áreas que constitúen a etapa.

Anexo III. Cadro de distribución horaria.

Anexo IV. Proxecto lector de centro.

Anexo V. Plan de introdución das tecnoloxías da información e da comunicación.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, oídos os ditames do Consello Consultivo e do Consello Escolar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º Principios xerais.

A educación primaria é unha etapa educativa que ten carácter obrigatorio e gratuíto. Comprende seis cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre os seis e os doce anos de idade. Con carácter xeral, o alumnado incorporarase ao primeiro curso da educación primaria no ano natural en que cumpra seis anos.

A educación primaria consta de tres ciclos que se organizarán en áreas con carácter global e integrador.

Artigo 2º Fins.
  1. A finalidade da educación primaria é proporcionarlles a todos os nenos e nenas unha educación que permita afianzar o seu desenvolvemento persoal e o seu propio benestar, adquirir as habilidades culturais básicas relativas á expresión e comprensión oral, á lectura, á escritura e ao cálculo, ao sentido artístico, á creatividade e á afectividade, así como desenvolver habilidades sociais e hábitos de traballo.

  2. A acción educativa nesta etapa procurará a integración das distintas experiencias e aprendizaxes do alumnado e adaptarase aos seus ritmos de traballo.

Artigo 3º Obxectivos da educación primaria.

Os obxectivos da educación primaria estarán encamiñados ao logro da adquisición, por parte de todo o alumnado, das capacidades que permitan:

  1. Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.

  2. Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe.

  3. Adquirir habilidades para a prevención e para a resolución pacífica de conflitos que lle permitan desenvolverse con autonomía no ámbito familiar e doméstico, así como nos grupos sociais con que se relaciona.

  4. Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e de mulleres e a non-discriminación de persoas con discapacidade.

  5. Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega, a lingua castelá e desenvolver hábitos de lectura.

  6. Adquirir en, polo menos, unha lingua estranxeira a competencia comunicativa básica que lle permita expresar e comprender mensaxes sinxelas e desenvolverse en situacións cotiás.

  7. Desenvolver as competencias matemáticas básicas e iniciarse na resolución de problemas que requiran a realización de operacións elementais de cálculo, coñecementos xeométricos e estimacións, así como ser capaz de aplicalos a situacións da súa vida cotiá.

  8. Coñecer e valorar o seu contorno natural, social e cultural, así como as posibilidades de acción e de coidado deste, con especial atención á singularidade de Galicia. Coñecer mulleres e homes que realizaron achegas importantes á cultura e sociedade galegas.

  9. Iniciarse na utilización, para a aprendizaxe, das tecnoloxías da información e da comunicación, desenvolvendo un espírito crítico ante as mensaxes que recibe e elabora.

  10. Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais.

  11. Valorar a hixiene e a saúde, aceptar e aprender a coidar o propio corpo e o dos outros, respectar as diferenzas e utilizar a educación física e o deporte como medios para favorecer o desenvolvemento persoal e social.

  12. Coñecer e valorar a flora e a fauna, en especial a presente na Comunidade Autónoma de Galicia, e adoptar modos de comportamento que favorezan o seu coidado.

  13. Desenvolver as súas capacidades afectivas en todos os...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR