Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula nos seus artigos 59, 60, 61 e 62 as ensinanzas de idiomas de réxime especial e establece que estas se organizarán en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. En consonancia co disposto no artigo 6.2º da devandita lei, o Goberno fixou no Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, os aspectos básicos do currículo que constitúen as respectivas ensinanzas mínimas nos niveis intermedio e avanzado, co fin de asegurar unha formación común e garantir a validez dos certificados correspondentes.

Seguindo as indicacións do Consello de Europa no Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL), a aprendizaxe de idiomas e a súa certificación organízanse nunha serie de niveis comúns ordenados en graos de competencia lingüística progresivamente máis amplos, e ligados a contextos sociais de uso da competencia comunicativa. O Marco común europeo de referencia para as linguas promove, igualmente, o coñecemento de diversas linguas e culturas.

Igualmente, a Decisión 1720/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de novembro de 2006, establece un programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente ata 2013 (PAP) e recolle entre os seus obxectivos a promoción da aprendizaxe das linguas e a diversidade lingüística, así como o favorecemento da aprendizaxe permanente de persoas de todas as idades.

Neste contexto, as ensinanzas especializadas de idiomas van dirixidas a aquelas persoas que desexan, ao longo da súa vida, adquirir ou perfeccionar as súas competencias nunha ou en varias linguas estranxeiras, con fins xerais ou específicos, así como obter para o mercado laboral unha certificación transparente do seu nivel de competencia no uso das devanditas linguas.

Xa que logo, este decreto establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de nivel básico e determina os efectos dos certificados acreditativos da superación das exixencias académicas correspondentes aos respectivos niveis. Igualmente, neste decreto establécense os currículos do nivel básico e do nivel intermedio, e incorpóranse neste as ensinanzas mínimas fixadas polo citado Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro. Do mesmo xeito, esta norma regula o procedemento para que as escolas oficiais de idiomas poidan impartir cursos especializados para o perfeccionamento de competencias en idiomas tanto nos niveis básico, intermedio e avanzado, como nos niveis C1 e C2, de maneira que estes centros contribúan, mediante o óptimo aproveitamento dos seus recursos, a darlles resposta ás necesidades de formación dos colectivos educativos e profesionais no ámbito das linguas estranxeiras.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo de informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da finalidade e organización das ensinanzas

oficiais de idiomas

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. Este decreto establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e o currículo dos niveis básico e intermedio dos idiomas seguintes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, galego, español como lingua estranxeira e xaponés.

  2. Así mesmo, esta disposición regula as condicións en que se poden obter os certificados acreditativos da superación dos niveis básico, intermedio e avanzado destas ensinanzas, así como os seus efectos e a documentación académica necesaria para garantir a mobilidade do alumnado.

  3. Este decreto ten igualmente a finalidade de regular os requisitos mínimos das escolas oficiais de idiomas no relativo á relación numérica entre estudantes e profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

  4. Este decreto é de aplicación nas escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º Finalidade.
  1. As ensinanzas de idiomas de réxime especial teñen a finalidade de capacitar o alumnado para o uso axeitado dos idiomas, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, e desenvolver nel a capacidade de adquirir, actualizar, completar e ampliar a competencia comunicativa en linguas estranxeiras, ao longo da vida, para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

  2. As escolas oficiais de idiomas son os centros docentes públicos en que se ofrecerán contextos para a aprendizaxe e a práctica de idiomas. Nelas deberase fomentar especialmente o estudo das linguas oficiais dos estados membros da Unión Europea, das linguas cooficiais existentes en España e do español como lingua estranxeira. Así mesmo, facilitarase o estudo doutras linguas que, por razóns culturais, sociais ou económicas, presenten un interese especial.

  3. Nas ensinanzas de idiomas de réxime especial teranse en conta as especificacións que se establecen na Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e especialmente no seu artigo 9.1º, así como as prescricións do artigo 24 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, como garantía dunha educación acorde co principio de igualdade.

Artigo 3º Ensinanzas de idiomas de réxime especial.
  1. As ensinanzas de idiomas de réxime especial impartidas nas escolas oficiais de idiomas organízanse nos niveis básico, intermedio e avanzado.

  2. Igualmente, poderanse impartir nestes centros cursos de especialización para a actualización e o perfeccionamento de competencias en idiomas, e para a formación do profesorado, colectivos profesionais e público en xeral.

  3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deberá determinar os idiomas que se poden impartir nas escolas oficiais de idiomas seguindo criterios de pertinencia e impacto.

Artigo 4º Os cursos de especialización.
  1. Os cursos especializados para o perfeccionamento de competencias en idiomas tanto nos niveis básico, intermedio e avanzado, como nos niveis C1 e C2, segundo quedan definidos no Marco común europeo de referencia para as linguas (en adiante MCERL), organizaranse segundo o establecido neste artigo.

  2. Os cursos especializados nos niveis básico, intermedio e avanzado deberán ter como obxectivo desenvolver a competencia nunha ou en varias destrezas lingüísticas, ben de xeito xeral ou ben aplicadas a campos ou perfís profesionais concretos.

  3. Os cursos dos niveis C1 e C2 organizaranse tendo como referencia a competencia lingüística que establece para eles o MCERL, e terán como finalidade o perfeccionamento da competencia nunha ou en varias destrezas lingüísticas. Poderán ter, tamén, unha orientación profesional concreta e, de ser o caso, conducir á obtención dunha certificación oficial.

  4. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá o procedemento para a certificación destes cursos, tendo en conta tanto a correspondencia de cada certificado cos descritores dos niveis do MCERL como a descrición das probas realizadas e das competencias valoradas para a obtención da devandita certificación.

  5. As escolas oficiais de idiomas poderán, consonte o que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, deseñar cursos especializados como parte da súa oferta educativa.

  6. O alumnado que desexe realizar estes cursos deberá acreditar mediante certificación, titulación ou proba, que posúe o nivel adecuado ao curso que desexe realizar.

  7. As escolas oficiais de idiomas poderán ofrecer cursos de formación lingüística para o profesorado dos niveis e das etapas educativas, que terán as características que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5º Modalidades.
  1. As ensinanzas de idiomas de réxime especial poderán cursarse nas modalidades presencial e a distancia.

  2. As persoas non escolarizadas nas modalidades establecidas no punto anterior poderán obter os certificados dos niveis básico, intermedio e avanzado dos idiomas autorizados nelas mediante a superación de probas específicas de certificación comúns para todo o alumnado.

Artigo 6º Organización.
  1. As ensinanzas dos niveis básico, intermedio e avanzado desenvolveranse en dous cursos académicos cada un deles, cunha duración de 130 horas por curso, de conformidade co calendario escolar que estableza anualmente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

  2. Non obstante o anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar, nas condicións que se determinen, unha duración diferente naqueles idiomas que polas súas características así o precisen.

  3. Os cursos especializados para o perfeccionamento de competencias en idiomas, tanto nos niveis básico, intermedio e avanzado como nos niveis C1 e C2 do MCERL do Consello de Europa, así como os cursos destinados á formación do profesorado, terán a duración que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza en cada caso.

  4. ...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR