Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

O Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade de servizo ofrecido aos cidadáns, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo que sexa referente para o desenvolvemento da Administración electrónica en Galicia e en todos os seus ámbitos.

Os cidadáns teñen que ser os primeiros e principais beneficiarios do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103º da nosa Constitución e polo artigo 1º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que recolle «... o dereito dos cidadáns a se relacionar coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con estas coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguranza xurídica».

Trátase, por tanto, do recoñecemento legal do dereito dos cidadáns a relacionarse coa Administración por medios electrónicos. Esta nova concepción e modelo de relación leva unha serie de implicacións, máis alá do ámbito tecnolóxico, relacionadas co impacto a diferentes niveis e aspectos.

Así, o proceso de modernización administrativa no que nos atopamos inmersos implica a reforma dos procedementos e da actividade administrativa que, en España, se plasma no marco xurídico básico constituído pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e as normas de desenvolvemento, o Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e o Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade, no ámbito da Administración electrónica, que establece as condicións de seguridade necesarias no uso dos medios electrónicos, a través de medidas que garantan a seguridade dos sistemas, os datos, as comunicacións e os servizos electrónicos, de forma que permita aos cidadáns e ás administracións públicas o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes a través deles.

Deste xeito, o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos supera a mera actuación procedimental ao referirse aos cidadáns e non aos interesados. Por outro lado, refírese aos servizos públicos e non unicamente aos servizos administrativos.

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia (DOG) non podía ser alleo a esta realidade, polo que este decreto pretende a desaparición da edición impresa e o establecemento da edición electrónica como única publicación, dotándoa de validez xurídica. Coa creación do DOG electrónico garantirase un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a través da rede a toda a cidadanía, sen límites temporais nin territoriais, que supoñerá a simplificación dos procesos de produción, a redución dos tempos de edición, a racionalización do gasto e a súa difusión gratuíta.

Con todo isto, preténdese conseguir unha administración diferente, que terá a electrónica como elemento central na súa modernización onde os seus efectos reais sobre a poboación irán encamiñados á utilización de medios e formas que reduzan a fenda tecnolóxica creando as condicións de confianza precisas para o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

Así, este decreto regula, entre outros, a existencia dun rexistro electrónico común para todas as entidades incluídas no ámbito de aplicación do decreto; os distintos tipos de actos administrativos que poden darse e as súas especialidades electrónicas, en particular os certificados, as copias etc.; a notificación dos actos administrativos, para o que se prevé incluso a creación dun taboleiro de anuncios electrónico; a sinatura electrónica necesaria tanto para a presentación de documentos como para a emisión de actos administrativos; os expedientes e arquivos electrónicos; os aspectos xerais dos procedementos iniciados de oficio e dos orixinados por instancia de parte e dos servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Xunta de Galicia; a creación do Diario Oficial de Galicia na súa versión electrónica; e outros. Da mesma maneira, a aplicación dos medios electrónicos serve para revisar os procedementos e os servizos e, se procede, para reducir a carga documental da persoa interesada e os prazos de resolución. Tamén é un obxectivo do decreto velar para que o uso intensivo dos medios electrónicos pola Xunta de Galicia e as entidades que a integran contribúa favorablemente ao desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, a aplicación das políticas sectoriais do Goberno galego nesta materia e se garanta a independencia tecnolóxica.

Con respecto á estrutura, o decreto consta de 40 artigos, agrupados en nove capítulos, con tres disposicións adicionais, tres transitorias, unha derrogatoria e catro derradeiras.

O capítulo I regula o obxecto do decreto, o seu ámbito de aplicación e a finalidade da súa incorporación ao ordenamento xurídico galego.

Coa publicación da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, a sede electrónica convértese nun elemento fundamental que as administracións públicas deben regular e que debe ser o enderezo electrónico onde se han de poñer a disposición do cidadán tanto a información como o Rexistro Electrónico e os diferentes trámites regulados que se ofrecen por medios electrónicos. Deste xeito, o capítulo II deste decreto regula esta institución, así como os aspectos máis importantes do dereito do cidadán á información por medios electrónicos e a posibilidade de creación de taboleiros electrónicos que substitúan os taboleiros presenciais. Igualmente, neste capítulo recóllese a existencia do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, ao abeiro da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O capítulo III regula a creación do Diario Oficial de Galicia na súa edición electrónica que terá unha consideración de publicación única, dotándo de validez xurídica, que substituirá a edición impresa.

O capítulo IV trata sobre os mecanismos de identificación e autenticación, tanto por parte do cidadán como polas entidades incluídas no ámbito de aplicación do decreto. Do mesmo xeito, recóllense as características da utilización da sinatura electrónica nas súas diferentes modalidades.

O capítulo V recolle os criterios para a habilitación de procedementos administrativos por instancia de parte, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Xunta de Galicia mediante a utilización de medios electrónicos. Ademais, regúlase a iniciación e tramitación do procedemento administrativo por medios electrónicos, así como o acceso das persoas interesadas á información sobre o estado de tramitación. Todo este sistema ten relación directa coa vontade de simplificación que impregna a norma para evitar que o cidadán, as empresas e as institucións teñan que achegar documentos que non sexan estritamente necesarios ou ben se poidan obter en formato electrónico directamente da propia Administración ou doutras coas correspondentes garantías de protección dos datos persoais. O decreto continúa coa tarefa de simplificación documental e dos procedementos administrativos que xa fora posta en marcha no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR