Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango de LeyDecreto

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu punto 23, atribúelle á comunidade autónoma, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, que vén a ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta lei regula a competencia da Administración autonómica para a regulamentación das entidades, servizos e centros, públicos ou privados, que presten servizos sociais no ámbito territorial da comunidade autónoma, establecendo as normas en que se determinen as condicións de apertura, funcionamento, modificación, capacitación do persoal e cesamento de actividades dos centros.

En cumprimento do anterior, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais.

A aplicación do referido decreto, desde a súa entrada en vigor ata a data, así como a distinta casuística producida ao longo dese tempo teñen evidenciado a necesidade de levar a efecto un novo decreto, co obxecto de mellorar e clarificar determinados aspectos da regulamentación vixente no que se refire ás autorizacións administrativas previas que requiren, para o seu correcto funcionamento, os centros e os programas de servizos sociais.

En consecuencia, faise necesaria unha nova regulación que dea resposta tanto ás exixencias dos cidadáns en relación coa mellora da calidade na prestación dos servizos sociais, como á necesidade de reforzar o marco xurídico existente no senso de articular e garantir a axeitada actividade das entidades, públicas e privadas, que desenvolven a súa actuación no ámbito dos servizos sociais.

Igualmente, a participación de diversos axentes prestadores de servizos sociais require determinar os requisitos xerais aos que debe suxeitarse a súa actividade e a responsabilidade adquirida pola súa intervención neste ámbito.

O decreto estrutúrase en tres capítulos. O primeiro deles aborda as cuestións de carácter xeral que deben ilustrar a aplicación da norma, tales como o seu obxecto, ámbito de aplicación e as obrigas das entidades prestadoras. Así, todas as entidades prestadoras de servizos sociais deberán inscribirse, con carácter previo ao inicio das súas actividades, no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais; deberán igualmente comunicar á Administración autonómica os prezos que percibirán pola prestación dos servizos ademais de observar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais e facilitar á Administración autonómica toda aquela información que, no ámbito das súas competencias, lle sexa solicitada.

O capítulo segundo, baixo a rúbrica «das autorizacións administrativas», regula, dun xeito máis claro e conciso, o réxime de autorizacións administrativas exixibles aos centros e programas de servizos sociais, establecendo unha regulación máis exhaustiva do procedemento que se observará na súa tramitación.

Así, será necesaria autorización previa para a construción ou creación de centros de servizos sociais por parte das entidades de iniciativa privada; quedando excluídas da necesidade da súa obtención as entidades locais.

Igualmente, tanto as entidades públicas como as privadas requirirán de autorización administrativa para o inicio, modificación substancial e cesamento das actividades dos centros ou programas de carácter social co obxecto de asegurar o debido cumprimento das condicións do seu funcionamento de conformidade coa lei e garantir, así mesmo, a seguridade e calidade da prestación social. Pola súa banda, os centros propios da Administración autonómica seguirán precisando un decreto do Consello da Xunta de Galicia para a súa creación ou construción, e orde do departamento da Administración autonómica competente para o inicio ou cesamento das súas actividades. Non obstante o anterior, e para a modificación substancial dos centros, será necesaria unicamente resolución do órgano competente da propia Administración autonómica.

O mesmo ocorre cos programas dependentes da Administración autonómica, que precisarán orde do departamento competente para o inicio ou cesamento das súas actividades, e resolución do órgano competente para a súa modificación substancial.

En desenvolvemento das previsións contidas no artigo 30.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, e para os supostos en que se constate o funcionamento de centros e/ou programas sen a correspondente autorización administrativa, e nos que se require unha rápida e axeitada actuación da Administración competente, establécese un procedemento máis áxil que permite iniciar o procedemento de suspensión da actividade ou peche do centro, todo iso con independencia das actuacións que procedan en materia sancionadora.

Como novidade respecto da regulación anterior, considérase a necesidade de autorización dos programas sociais. O desenvolvemento dos servizos sociais nos últimos anos xerou novas necesidades de carácter asistencial que foron cubríndose de xeito informal, obtendo as distintas entidades financiamento público para o efecto, sen que existise, ata o de agora, unha normativa de referencia respecto das condicións, servizos mínimos e requisitos para a súa prestación. O paso do asistencialismo á calidade dos servizos sociais fai necesaria a regulación, autorización e acreditación destas prestacións.

Igualmente regúlanse ex novo os supostos e o procedemento en que cabería a revogación das autorizacións concedidas.

No capítulo III do decreto abórdase a regulación da acreditación a que poderán acceder os centros e programas de servizos sociais previamente autorizados. Non obstante, os requisitos e/ou estándares de calidade exixibles para a súa concesión déixanse a un posterior desenvolvemento normativo, tendo en conta as importantes previsións que para tal efecto se recollen na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulamentación do réxime de autorización e acreditación dos centros e programas de servizos sociais, así como o establecemento das condicións e requisitos xerais que deben cumprir para o seu funcionamento.

Artigo 2º Definicións.
  1. De acordo co previsto na lexislación aplicable en materia de servizos sociais, terá a consideración de entidade prestadora de servizos sociais toda persoa física ou xurídica, legalmente recoñecida como tal, que sexa titular ou xestora de centros sociais e/ou desenvolva programas sociais nas áreas de actuación sinaladas na normativa de aplicación.

  2. Terán a consideración de centros de servizos sociais todos aqueles equipamentos regulamentariamente tipificados en que se desenvolven dun xeito estable e continuado servizos, programas e actividades de servizos sociais nas distintas áreas sociais.

  3. Terán a consideración de programas de servizos sociais o conxunto articulado de obxectivos, accións e servizos dotados orzamentariamente e que conten cos recursos humanos e materiais adecuados para levalas a cabo, e por medio dos cales se procuran solucións ás necesidades sociais.

En todo caso, os programas susceptibles de autorización deberán adecuarse ás tipoloxías que se establezan na normativa de carácter específico.

Artigo 3º Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación deste decreto esténdese a todas as entidades prestadoras de servizos sociais, públicas ou privadas, con ou sen ánimo de lucro, que sexan titulares de centros de servizos sociais e/ou que desenvolvan programas sociais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4 Obrigas das entidades prestadoras.
  1. Todas as entidades prestadoras de servizos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR