Prólogo

AutorVirxilio Rodríguez Vázquez
Cargo del AutorVicerreitor do Campus de Ourense-Campus da Auga. Universidade de Vigo
Páginas10-11
Prólogo
Ás veces o evidente semella ser o que ofrece máis dúbidas, ou o que se ve como
un camiño incerto ou mesmo rexeitable. Iso é o que acontece, dende o meu punto de
vista, cos plantexamentos ou coas propostas de relación entre Galicia e os países de fala
portuguesa, nomeadamente o Brasil.
É certo que a forza centrípeta que ten exercido Bruxelas a través dos diferentes
instrumentos políticos e xurídicos, e especialmente económicos (a través do Fondo
Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), obrigou a dirixir á ollada cara a Unión,
e crear vías rápidas, alonxadas da pausa e paciencias do camiño de peregrinación
medieval, dirixidas con urxencia á converxer. Nese proceso houbo extraordinarios
avances, inimaxinables mesmo para os máis euroescépticos; pero tanta premura
conlevou asumir custes moi elevados, ou poderíase dicir, moi profundos; tanto, que
chegaron ata os lameiros transitados polos últimos carros, ata as redes, os barcos, o
leite, as vacas, as vides, ata a alma.
Esa vis attractiva pola europeización, retroalimentada institucionalmente, foi
crecendo e ampliando o seu espectro, abrindo o paso a unha globalización galopante,
indiscutida, e aceptada acriticamente polo status quo. A tradución deste proceso no
sistema educativo sintetízase na palabra “internacionalización”, que se asentou no
vocabulario dos tecnócratas, fixándose como obxectivo principal e irrenunciable de
calquera política educativa. Mais ese termo serviu, en non poucas ocasións, para
teledirixir políticas lingüísticas, culturais e tamén económicas, cara ámbitos naturalmente
forzados e, polo tanto, que nos levaban a facer xestos forzosos, a dar pinchagatos no
campo unha e outra vez.
Ao tempo que a lingua galega está a retroceder no uso, minorizándose o seu
emprego en todos os niveis do ensino, quéresenos converter en angloparlantes,
aspirando a que o inglés sexa a lingua vehicular. Poñendo, pois, a mirada naqueles
mercados.
Ese proceso, en si mesmo, non ofrecería problema ningún, se no fose porque,
como se apuntaba máis arriba, ten un custe de oportunidade, pois os recursos son
limitados. O custe de oportunidade é un virar as costas ao eixo lusófono, e moi
particularmente ao Brasil. Tense dito en moitas ocasións que Galicia é un pais periférico,
pero iso supón unha ollada simplista, reducionista, e ata miope.
Claro, todo depende dos lentes con que se mire. Galicia é centralidade para quen
saiba equilibrar a súa ollada, mobilizar o seu pescozo, e empregar en toda a súa extensión
ás facultades de amplitude de xiro que ofrece a articular humana.
Sen deixar de mirar a Europa, eu diría que afondando nese ollar, é preciso nun
xiro de 180 graos, mantendo o eixo no mesmo punto de apoio, en territorio galego,
mirar con certa altura de miras a todo un continente cheo de posibilidades como é o
Brasil, e cada unha das súas decenas de capitais. Únenos unha lingua (e todo o que iso
conleva), un océano, o Atlántico, unha relación privilexiada con Portugal, e moitos
intereses comúns dos que ambos polos podemos sacar proveito. Pero en todo caso,
únenos algo natural.

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR