Decreto 60/2010, do 8 de abril, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, en materia de uniformidade, acreditación e medios técnicos.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

A Constitución española recolle no seu título VIII, artigo 148.1º.22, como unha das competencias que poderán asumir as comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades relacionadas coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica. Neste marco, a Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, regula no seu artigo 39 as competencias das comunidades autónomas.

De conformidade coas mencionadas disposicións, promulgouse a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, que no seu artigo 13 b) recolle como unha das funcións de coordinación a de establecer a homoxeneización en materia de medios técnicos, dos distintivos externos de identificación e da uniformidade.

No entanto estas concretas cuestións aparecen recollidas como un conxunto homoxéneo no capítulo III do título II da dita lei, que remite en todos os casos a un posterior desenvolvemento regulamentario.

Por iso, transcorridos máis de dous anos da entrada en vigor da Lei 4/2007, parece urxente proceder á regulación da homoxeneización dos medios técnicos, dos medios de acreditación profesional, así como da uniformidade e distintivos externos de identificación, respectando a autonomía local e as competencias estatais en materia de seguridade, tal e como o mesmo artigo 13 da dita lei establece. Deste xeito procédese tamén á substitución efectiva do Decreto 204/2000, do 21 de xullo, que veu regulando estas cuestións, pero que foi perdendo vixencia por mor dos importantes cambios operados tanto na imaxe e na uniformidade como nos medios técnicos á disposición das policías locais.

Este decreto pretende establecer o marco fundamental e xenérico desta homoxeneización, que se complementará inmediatamente da súa entrada en vigor, en cada unha das temáticas que afecta, cunha orde de desenvolvemento máis polo miúdo, na cal se reflectirán as peculiaridades, deseño, condicións técnicas e outros extremos que afecten cada peza, obxecto ou medio técnico nela recollido.

Resulta tamén prioritario concretar de xeito harmonizado a identidade específica e distintiva dos corpos de Policía Local de Galicia, mediante unha imaxe corporativa común que individualice instalacións, medios, distintivos externos e uniformidade dos policías locais e os distinga doutros corpos de seguridade e, así mesmo, de colectivos ou traballadores de institucións públicas ou empresas privadas.

De acordo con tales previsións de desenvolvemento normativo da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, este decreto divídese nos seis capítulos seguintes: capítulo I Obxecto e ámbito de aplicación; capítulo II Da acreditación profesional dos corpos de policía local; capítulo III Da uniformidade e distintivos externos de identificación das policías locais; capítulo IV Dos medios técnicos das policías locais; capítulo V Da imaxe corporativa dos corpos de policía local; capítulo VI Dos/as vixilantes municipais e dos/as auxiliares de policía, ademais dunha disposición derrogatoria e de tres disposicións derradeiras.

Por outra banda, o artigo 15 da mesma Lei 4/2007 dispón que lle corresponde ao Consello da Xunta de Galicia ditar as normas xerais de coordinación no marco da Lei de coordinación, logo do informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais, e na disposición derradeira primeira facúltase o Consello da Xunta de Galicia para realizar o desenvolvemento normativo da dita lei.

De conformidade co establecido no artigo 17.1º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a Comisión de Coordinación de Policías Locais emitiu informe favorable na súa sesión do 30 de xullo de 2009.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º Obxecto.
  1. Constitúe o obxecto deste decreto o establecemento do marco xenérico necesario para desenvolver regulamentariamente a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, nas materias de uniformidade, acreditación e medios técnicos, sen prexuízo do disposto na lexislación orgánica de forzas e corpos de seguridade, na lexislación de bases de réxime local e noutra normativa que resulte de aplicación.

  2. Tamén é obxecto deste decreto a habilitación para o establecemento da imaxe corporativa dos corpos de policía no ámbito da nosa comunidade autónoma, no exercicio das potestades de coordinación atribuídas polo artigo 13 b) da mesma lei.

Artigo 2º Ámbito de aplicación.

Este decreto é de aplicación aos corpos de policías locais dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu persoal, así como a vixilantes municipais e auxiliares de policía local segundo o previsto no artigo 95 da Lei 4/2007 e normas que o desenvolven.

Capítulo II

Da acreditación profesional dos corpos de policía local

Artigo 3º Acreditación profesional.

De acordo co previsto no artigo 10 da Lei 4/2007, a acreditación profesional será común para todos os corpos, e quedará integrada polo carné profesional e pola placa-emblema.

Artigo 4º O carné profesional.
  1. O carné profesional presentará no seu anverso a fotografía do seu titular, a súa categoría profesional, o seu número de identificación, o nome do concello, os escudos de Galicia e do concello respectivo e a lenda Policía Local co logotipo que corresponda. No reverso constará o nome e os apelidos do seu titular, o número do seu documento nacional de identidade e tamén a súa sinatura. Na súa parte inferior irá autorizado coa sinatura do/a alcalde/sa e o selo do concello.

  2. Conformarase nunha tarxeta plastificada, cunhas dimensións de 85×53 mm, que levará por ambas as caras como fondo a bandeira de Galicia.

Artigo 5º A placa-emblema.
  1. Será metálica e estará composta polo escudo do concello correspondente, a lenda Policía Local rodeando a metade inferior daquel, e o número de identificación profesional, cuñado nunha cartela que se situará na base do conxunto, e disporá no seu reverso dun sistema de fixación que permita poder exhibila no uniforme, de ser o caso, pero tamén levala nunha carteira de dobre corpo, conxuntamente coa tarxeta do carné profesional.

  2. Non entanto, por cuestións de funcionalidade e operatividade, na uniformidade de traballo poderase empregar unha réplica, en material plástico, impresa, pegada ou cosida na peza correspondente.

Capítulo III

Da uniformidade e dos distintivos externos de identificación das policías locais

Sección primeira

Disposicións comúns en materia de uniformidade e distintivos externos

Artigo 6º Uso da uniformidade.
  1. De acordo co...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR