Decreto 102/2006, do 22 de xuño, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento.
Sección | III. Outras Disposicións |
Emisor | CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES |
Rango de Ley | Decreto |
-
Viveiro é un municipio situado á beira do mar Cantábrico. A súa poboación supera lixeiramente os 15.000 habitantes, cifra esta que se triplica en época estival. Conta con tres núcleos urbanos que son: Viveiro, principal poboación da Mariña Lucense; Covas, núcleo residencial e estival, e Celeiro, porto pesqueiro e comercial, un dos principais do Cantábrico. Conta con 7 km de praias e calas todas elas na denominada ría de Viveiro. A súa rede fluvial
está formada por 52 ríos e regatos, destacando entre todos eles o río Landro.
Trátase dun territorio especialmente fráxil que encerra singulares valores paisaxísticos, ambientais e ecolóxicos, como pon de manifesto a existencia no termo municipal de varios espazos declarados como zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG nº 69, do 12 de abril) e recollidos na Decisión da Comisión Europea de data do 7-12-2004, publicada no DOCE do 29-12-2004, pola que se aproba a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica, como son:
-A totalidade da súa costa, fóra dos núcleos urbanos, está incluída no espazo Costa da Mariña Occidental.
-O río Landro.
-A serra do Xistral.
Tamén conta cun espazo denominado Souto da Retorta, recollido nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Lugo, sito á beira do río Landro, onde se atopa a masa forestal de eucaliptos máis antiga de Europa.
Existen tamén no municipio varios elementos que gozan da consideración legal de Bens de Interese Cultural ao amparo do establecido na Lei 16/1985, do patrimonio histórico español, así como na Lei 8/1995, de patrimonio cultural de Galicia:
-Conxunto arqueolóxico da Igrexa e o Convento de San Francisco (Decreto 2507/1975, BOE nº 254, do 23 de outubro).
-Igrexa de San Pedro (Decreto 2833/1974, do 30 de agosto, BOE nº 240, do 7 de outubro).
-Mosteiro de Nosa Señora de Valdeflores (Elemento declarado polo Decreto 809/1980, BOE nº 107, do 3 de maio; Contorno declarado polo Decreto 27/1999, DOG nº 31, do 16 de febreiro).
-Murallas de Viveiro, Porta de Carlos V, Porta do Cristo, Porta do Valado (inscritos no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Patrimonio Histórico Español por resolución da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura, o 17 de outubro de 1994).
-
O planeamento vixente no termo municipal é o documento de revisión das normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 29-4-1986. A normativa deste documento non foi publicada no BOP, incumprindo o disposto no artigo 70 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.
A ordenación detallada do solo urbano que se contén no anterior documento foi modificada, posteriormente, mediante varios plans especiais como o «plan especial de reforma interior do sector A de Covas»,
aprobado definitivamente o 28 de setembro de 1989 pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo (CPU), que tampouco foi publicado; o «plan especial de reforma interior de Xunqueira», aprobado definitivamente pola CPU o 27 de xaneiro de 1993, que, así mesmo, non foi publicado; o «plan especial de reforma interior e protección do Convento de Valdeflores», aprobado definitivamente pola CPU en data do 21 de marzo de 1995, do que unicamente se publicou o acordo de aprobación, pero non a normativa; e o «plan especial de protección e de reforma interior da zona antiga», aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Viveiro, o 7 de agosto de 1997, do que a normativa foi publicada no BOP de Lugo nº 233, do 10 de outubro.
O solo rústico e os núcleos rurais están regulados nun documento de adaptación das normas subsidiarias de planeamento á Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia. O dito documento foi aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación en data do 2 de setembro de 1997, en exercicio das competencias delegadas pola comunidade autónoma segundo a Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo, e publicado no BOP nº 284, do 1 de novembro de 1997. O documento contou cunha azarosa tramitación: a Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo mediante Resolución do 5 de xuño de 1990 suspende a aprobación definitiva do documento que lle é sometido á súa consideración, ordenando introducir nel varias correccións; o novo documento modificado, tras ser sometido a novo informe preceptivo e vinculante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, é aprobado polo Concello de Viveiro cando xa está en vigor unha nova lexislación urbanística autonómica -a Lei 1/1997, do solo de Galicia-, á que non se adaptaba.
Ademais, no acordo plenario de aprobación definitiva do documento anterior, o concello decide aprobar tamén a delimitación dunha serie de núcleos rurais novos, co argumento de que, no seu día, foron recoñecidos pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo. En decembro de 2003 comunícaselle ao concello a viabilidade da elaboración dun documento refundido onde se recollan tanto os núcleos do documento de adaptación á Lasga, como os incorporados no acordo plenario. O dito documento refundido é remitido polo concello de Viveiro ao Servizo Provincial de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo en data do 26 de xaneiro de 2003. Varios dos núcleos recoñecidos neste documento sono sobre solo clasificado como urbanizable nas normas aprobadas en 1978, producindo unha modificación na clasificación do solo sen que se seguise o procedemento legalmente establecido para iso.
Como consecuencia do anterior, existe unha grande inseguridade xurídica respecto do planeamento actualmente en vigor en Viveiro, derivada da existencia de sucesivos documentos que van modificando parcialmente outros anteriores e que na súa meirande
parte non cumpriron os requisitos legalmente establecidos para a súa entrada en vigor.
-
O ordenamento xurídico que no seu momento deu cobertura ao actual planeamento municipal -principalmente o texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana, aprobado polo Real decreto 1346/1976 e a Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia- sufriu unha profunda transformación tanto a nivel estatal como autonómico co paso dos anos, polo que o contido e determinacións do plan resultan incompatibles coa lexislación urbanística vixente -a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e a Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións-, circunstancia que se considera especialmente relevante no caso de Viveiro, dado que se trata dun municipio que encerra singulares valores paisaxísticos, ambientais, ecolóxicos e culturais que demandan dunha singular protección e preservación.
A execución do planeamento actualmente existente en Viveiro dá lugar á plasmación dun modelo territorial incompatible coa preservación dos valores naturais e a defensa do patrimonio cultural do municipio e cun desenvolvemento sustentable do territorio, o que afecta directamente as competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral, e o urbanismo, atribuídas polo artigo 27.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e as potestades autonómicas atribuídas polos artigos 85.7º, 89.1º e 227 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Especial relevancia cobra neste suposto a regulación contida no último parágrafo do artigo 85.7º da citada norma, que establece que a ordenación urbanística dos terreos situados na franxa de 500 metros desde a ribeira do mar afecta os intereses autonómicos, que é o caso de Viveiro.
-
A clasificación e a regulación das distintas clases de solo no planeamento actualmente existente en Viveiro están totalmente obsoletas e non se adecúan ao disposto na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, nin na Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións, polo que urxe a súa revisión e a súa adaptación aos novos criterios de clasificación de solo, así como aos límites de sustentabilidade e aos estándares de calidade de vida e cohesión social recollidos na lexislación urbanística actual.
A clasificación do solo urbano debe ser revisada para excluír as áreas vacantes situadas nos bordos do perímetro urbano que non reúnen os requisitos exixidos polo artigo 11 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, especialmente no que se refire á exixencia da existencia de malla urbana.
Asemade, o planeamento vixente non distingue entre o solo urbano consolidado e o non consolidado e unha parte significativa dos terreos clasificados
como solo urbano non reúnen as condicións establecidas no artigo 12 a) da Lei 9/2002. No réxime do solo urbano non consolidado deben incluírse non só os ámbitos das unidades de actuación delimitadas (subunidades urbanas na terminoloxía das normas), senón tamén os terreos nos que son necesarias obras de urbanización, actuacións de reforma interior ou renovación urbana (ámbitos dos plans especiais de reforma interior ou de protección aprobados que non finalizaron o proceso de equidistribución e cesión), obtención de novas dotacións urbanísticas, xusta distribución de cargas e beneficios entre os propietarios, os ámbitos sobre os que o planeamento urbanístico ten prevista unha ordenación substancialmente diferente da realidade preexistente, así como os ámbitos nos que a ordenación detallada se realice mediante plan especial de reforma interior ou mediante estudo de detalle.
Como consecuencia da falta de consideración como solo urbano non consolidado, dos ámbitos a que se refire o parágrafo anterior estase privando aos cidadáns do seu dereito a un medio urbano de calidade que cumpra os límites de sustentabilidade e as reservas mínimas de solo para dotacións públicas e para vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, de conformidade co establecido na Lei 9/2002. Especialmente grave resulta este...
Para continuar leyendo
Solicita tu prueba