A oficialidade das linguas en relación coa toponimia: o caso de A Coruña

AutorM. Begoña López Portas - Fernando Martínez Arribas
CargoBolseira de Terceiro Ciclo da Xunta de Galicia na Universidade de Santiago de Compostela - Bolseiro de fpu do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte na Universidade de Santiago de Compostela.
Páginas118-147

Page 118

Introducción

O tema que imos tratar neste traballo é o da toponimia, no caso concreto de Galicia e dende a perspectiva do proceso de normalización lingüística. É dicir, aqueles topónimos galegos que, traducidos no pasado ó castelán, deben volver empregarse oficialmente en galego. O noso plantexamento recolle o que sucedeu noutras comunidades autónomas nas últimas décadas e o que ocorre en Galicia, centrándonos para iso no polémico caso do topónimo da cidade de A Coruña; pero, ademais dos aspectos xurídicos, facemos tamén un estudio dende unha perspectiva sociolingüística, onde se pretenderá ver cal foi a orixe dos topónimos galegos, o fenómeno da castelanización, os seus motivos históricos e as súas consecuencias socioxurídicas.

A intención que impulsa este traballo é deixar ver-la situación de anormalidade lingüística que tivo Galicia ó longo dos últimos séculos e os recentes esforzos por superala no ámbito relativo ós topónimos. Cómpre amosar-lo noso agradecemento a diversos organismos e institucións como a Asesoría Xurídica do Concello de A Coruña, o Consello da Cultura Galega e A Mesa pola Normalización Lingüística, que facilitaron a realización desta investigación. Sen máis digresións, principiamos coa exposición do xa avanzado.

I Toponimia
1. Concepto

O termo toponimia presenta as seguintes acepcións lingüísticas: Segundo o Diccionario de la Real Academia Española, a palabra toponimia (procedente do grego t’poj, lugar, e ‘›opa, nome) significaría «estudio da orixe e significación dos nomes de lugar».

Segundo o Diccionario da Real Academia Galega, toponimia podería entenderse coma conxunto dos topónimos ou parte da lingüística que estudia os nomes de lugar.

Distinguiremos dous tipos: topoloxía maior e menor. Deste modo a topoloxía maior correspondería ós nomes das aldeas, vilas, cidades, comarcas, etc. A topoloxía menor sería a dos nomes das leiras, herdades, lugares xeográficos moi concretos, etc.

Page 119

2. Importancia

Cómpre nestes intres plantexarse cál é a importancia que a toponimia pode ter para supoñe-lo obxecto do noso traballo. Ó respecto podemos partir de dous supostos. Un sería o feito de entende-la toponimia como conxunto de topónimos, aqueles nomes que fan referencia ós distintos lugares destacando para iso a existencia de elementos naturais, por exemplo Carballeira, Castiñeiras, Lagoela. Dende este punto de vista, o feito de que o topónimo sexa en castelán ou en galego só tería importancia a efectos de comprensión e unidade na denominación do lugar. Pero se ademais entendémo-lo topónimo como algo relacionado coa tradición e a cultura, ligado ás raíces dun pobo, é verdadeiramente importante o feito de que este topónimo se conserve tal e como o coñeciamos. A importancia dos topónimos é tal que se un pobo non se sinte identificado con eles, entón, chégase a plantexa-la posibilidade de cambialos.

Pero, ¿é tan importante que un topónimo estea en castelán, galego, euskera ou catalán?, o certo é que sí; isto é o que se reflicte nos artigos referentes á toponimia dentro das distintas leis de normalización lingüística que recollen diversas fórmulas tendentes a preservar esa forma tradicional dos topónimos (entendida nun sentido histórico-sociolóxico). Por outra banda, o propio Tribunal Constitucional sinala, na Sentencia 337/1994, que o sistema plurilingüe existente en España segundo o ámbito territorial de que se trate «forma parte da nosa riqueza cultural»; isto podería extenderse tamén ó mantemento dos topónimos nas linguas propias das comunidades autónomas, naqueles casos onde existan.

II As orixes dos topónimos

O pobo galego é resultado dunha superposición sucesiva de pobos de orixes e culturas diferentes; o mesmo ocorre coa lingua propia de Galicia, que non está formada por un único compoñente lingüístico. Con isto habería que sinalar no tocante á toponimia que serán os distintos pobos, culturas e linguas as que deixarán a súa pegada nos nomes dos distintos lugares. Por iso imos resumir brevemente cáles foron os pobos que, ó longo do tempo, se estableceron no noroeste peninsular e qué topónimos permanecen aínda hoxe como evidencia da presencia que unha vez tiveron.

Antes de nada cómpre sinalar que só faremos referencia ós chamados topónimos maiores, xa que debido a amplitude que os topónimos menores poden ter, resultaría difícil estudialos nun traballo desta extensión.

Page 120

Para estructura-lo noso estudio partiremos do mesmo esquema que se utiliza para o coñecemento da formación do galego. Así, distinguirémo-los seguintes momentos:

1) Antes de se estableceren os colonizadores romanos (Substratos lingüísticos).

2) O latín.

3) A contribución dos pobos que se instalaron na Hispania despois da fragmentación do Imperio Romano de Occidente (Superestratos lingüísticos).

4) As contribucións doutras linguas de base románica e/ou non románica.

1. Substratos lingüísticos

Os pobos prerromanos da Gallaecia empregaban linguas das que apenas coñecemos nada e, por iso, as atribucións lingüísticas moitas veces non poden ser definitivas. A principal e máis segura contribución destes pobos é a do léxico e a toponimia: trátase de palabras que designan realidades moi elementais e concretas, pervivindo naqueles casos nos que os colonizadores romanos dificilmente poderían achar unha palabra que designase o autóctono.

Aquí podemos diferenciar un substrato preindoeuropeo e outro indoeuropeo.

O preindoeuropeo correspondería á poboación paleolítica e neolítica de cazadores e agricultores anteriores á introducción dos metais. Esta poboación non era homoxénea nin lingüística nin etnicamente. Como topónimos quedaron por exemplo os de: Antas de Ulla (na provincia de Lugo, ‘antas’ significa dolmen ou monumento funerario), Arteixo (na provincia de A Coruña, a súa orixe etimolóxica posiblemente derive de Artaigo, rei da tribu neria), así como doutras vilas e cidades coma A Coruña (‘Clunia’ chamada no século xii Cruña, Clunia ou Crunia; respecto ó artigo chegouse a establecer como usual ó longo do tempo, ata integrarse no topónimo), Betanzos, Carnota, Corcubión, Noia, Tui, etc.

O indoeuropeo corresponde ós pobos que introduciron en Galicia a cultura dos metais. Dentro deles o máis importante é o pobo celta. A este substrato indoeuropeo atribuíuselle por exemplo o nome de Galicia (aínda que Gallaecia é de orixe latina), e os topónimos referidos a comarcas coma a do Barbanza, Barcala, Bergantiños, Valdeorras; ou a grandes ríos como o Eume, Sil, Tambre, Támega, Ulla, etc.

Page 121

2. O latín

Os romanos desembarcaron na Península Ibérica no ano 218 a. C., e tiveron o seu primeiro contacto cos Callaeci ou Gallaeci no 138 a. C. na campaña de Décimo Xunio Bruto. A Gallaecia será incorporada á Hispania Citerior despois da campaña do emperador Augusto contra os cántabros, astures e galaicos (anos 29-19 a. C); comeza así unha romanización tardía no noroeste ibérico, cando xa outras zonas de Hispania estaban fortemente romanizadas.3 No proceso de latinización da Gallaecia habería que distinguir tres fases:

  1. O latín como lingua dos colonizadores e da nova estructura política e administrativa. É a lingua na que os indíxenas deberían relacionarse cos romanos e estes terían que admiti-las fórmulas latinas como representación dunha nova orde.

  2. A crecente asimilación da lingua latina nas novas xeracións, afectando a aspectos tan profundos coma a relixión. Esta etapa remataría no século ii d. C.

  3. A aceptación total e uso habitual da lingua latina. Esta fase de longa duración e variada segundo as zonas, pecha o proceso.

No tocante ós topónimos latinos da etapa de romanización e medieval, citarémo-los seguintes: Lugo (Lucus Augusti), Arzúa (na provincia de A Coruña, que xa era mencionada por Tolomeo na súa obra Xeografía Universal como ‘Araduca’; a súa orixe sitúase na época medieval século xi), Pontevedra (Pontus veteris), Ourense, etc.

3. Superestratos lingüísticos

Aquí distinguirémo-la influencia de dous pobos, os xermánicos e os árabes, na fixación da toponimia galega (aínda que a súa pegada sexa moito menor que a do latín).

Os pobos xermánicos eran pobos indoeuropeos que atravesaron a fronteira do Rin e do Danubio, e penetraron no Imperio Romano sobrePage 122o século v. A Galicia chegaron os suevos, que fundaron o reino suevo de Galicia (411-585) ata que foi asimilado polo reino visigodo. Os pobos xermánicos axiña se integraron na lingua e cultura hispano-romana, malia iso, deixaron unha notable pegada na onomástica e na toponimia. Mostra disto son os seguintes topónimos: Allariz (en Ourense, débelle o seu nome ó rei suevo Alarico), Baltar, Gondomar, Gudiás, Guimirás, Guitiriz, Mondariz, Ramil, Randulfe, Recarei, Roiriz, Sabarís, Samil, Sandiás, Toiriz, etc.

O pobo árabe penetrou na Península Ibérica no ano 711 e someteune case toda en moi pouco tempo. Cen anos despois, o rei Ordoño xa tiña en Tui a marca da Reconquista; é dicir, os asentamentos árabes duraron pouco tempo en Galicia. A proba da súa presencia atópase en topónimos de orixe árabe tales coma Alfoz (en Lugo, o seu significado en galego medieval sería ‘territorio sobre o que tiña xurisdicción unha vila ou cidade’ posiblemente refiríndose a Mondoñedo), Alcouce, Aldea, Almuíña, Almuzara, A Mezquita, Arrabaldo, Laranxeiras, Rábade, etc. Nembargantes, no noso territorio os árabes apenas influiron e a maior parte dos termos que desta orixe existen en galego, chegáronnos a través do influxo que tiveron sobre outras linguas como o castelán ou o portugués.

4. Outras linguas de base románica e/ou non románica

Na toponimia latino-romance podemos establecer unha clasificación atendendo a criterios semánticos, os cales permiten establecer grupos de topónimos segundo fagan referencia á(s):

• Características orográficas ou a construcción do terreo, así temos, A Costa, A Cova, A Lomba, A Pena, Areal, Barreiro, Enfestada, Lamosa, Lousada, Montouto (procedente do latín, significaba monte alto), Outeiro, O Val, Pedreira, Pedroso, Peneda, Penedo, etc.

• Hidrografía ou augas: A Insua, Ambasmestas, Baños, Caldas e Caldelas, Esteiro, Fontán, Fontao, Fontilla, Fontiña, Foz, Lagoa, Lagoela, O Río, Presa, Ribeira, etc.

• Formas de asentamento humano, tipos de poboación ou fórmulas de propiedade: Aldea, Casal, Casares, Castro, O Burgo, Quintáns, Quintela, Requenga, Requengo, Vigo (que procede do latín ‘vicus’, aldea, barrio), Vila, Vilar, Vilarello, Vilela, etc.

• Construccións, edificacións e establecementos industriais: Adega, A Telleira, Cabana, Cabanas, Castelo, Celeiro, Ferreira, Ferrería, Muros,Page 123O Batán, O Folón, O Mazo, O Muiño, O Tellado, Paredes, Pazo, Sobrado, Torre, etc.

• Fauna: Aguiar, A Zorreira, Becerreiras, Cabral, Cebreiro, Corveiras, Gulpilleiras, Lagosteira, Lobeira, Mosqueira, Oseira, Ouveriza, Pesqueira, Pombal, Toural, etc.

• Flora: Caramiñal, Carballeira, Castiñeiras, Liñares, Loureiro, Maceira, Painzal (paínzo, ‘millo miúdo’), Sanguiñeda, Soutelo, Souto, Toxedo. Os relacionados con labores agrícolas coma Agrela, Agro, Arrotea, Chousa, Devesa, Rozadas, Rozas, etc.

• Fundacións relixiosas e nomes dos santos: A Ermida, Cela, Celanova, Donas, Eirexa, Freirías, Grixoa, Igrexa, Irixoa, Mosteiro, Mosteirón (diminutivo de Monasterium), Saiáns (Sancti Iohannis), San Fiz, Santa Baia (Sancta Eulalia), Santalla, Sanxenxo (Sanctu Genesius), Seirane, Serane, etc.

• Nomenclaturas persoais: a maior parte destes nomes de persoas son de orixe medieval, formados mediante a forma do xenitivo latino do nome fundador ou propietario. Uns derivan dun nome persoal latino: Beade, Cartelle, Crecente, Lalín, Lampai, Lobelle, Marín, Maside, Osebe, Paderne, Piñar, Piñoi, Portomarín, Ruvín, Vilapedre, Vilaxuste, etc. Outros dun nome persoal xermánico: Baamonde, Gomesande, Gustei, Lebosende, Rosende, Senande, etc.

• Outros grupos menores serían: Os relativos á comunicación: A Barca, A Estrada, A Ponte, O Vao, Portela, Porto, Verea ou Vrea, etc. Os que aluden á posición relativa ou á situación: Cimadevila, Cospeito, Fondevila ou Fondodevila, O Viso, Viladesuso, Vilameá, etc. Os formados por xentilicios procedentes da poboación medieval, que veñen sendo topónimos derivados doutros topónimos: Astureses, Cambeses, Cumbraos, Lobosandaus, Sarreaus, etc.

Como podemos ver, o gran número de topónimos só nos permite, aínda dentro dos topónimos maiores, facer unha clasificación meramente exemplificativa; dende logo a nosa intención non é a de abarcalos todos, pero sí amosa-los suficientes como para que poidamos extraer dúas conclusións: hai unha riqueza toponímica en Galicia derivada dun pasado multicultural, e cabe atopar nos topónimos algúns criterios comúns a pesar da súa orixe diversa.

Finalmente, habería que facer unha referencia á influencia do castelán e á incorporación de voces procedentes doutras linguas. Estas cuestións serán recollidas máis adiante, xa que necesitan ter un tratamento separado.

Page 124

III Evolución histórica. Fenómeno da castelanización

Para abordar este tema cómpre dicir que a transformación do latín ó galego, como lingua románica que é, prodúcese de xeito lento e progresivo. Nembargantes, é certo que dende os séculos vii-viii a lingua da Igrexa e da Administración xa estaba moi afastada da falada, é dicir, latín e galego serían nestes momentos dúas estructuras lingüísticas diferenciadas. O latín é a lingua literaria, relixiosa e dos actos xurídico-administrativos durante boa parte da Idade Media en toda a Península Ibérica, pero vai perdendo progresivamente o seu carácter de lingua falada. En Galicia esta situación mantívose ata o século xii, no que ven a luz os primeiros textos escritos totalmente en galego.

Durante os séculos xii-xiv4 hai un esplendor para o galego-portugués que se convertíu na lingua lírica por excelencia en tódalas cortes ibéricas, servindo o Camiño de Santiago de vía para a súa extensión máis alá das nosas fronteiras. Neste ámbito lírico destacan As Cantigas de Santa María de Afonso x o Sabio, e as diversas cantigas de amigo, amor, escarnio e maldicir. Na prosa xa aparecen obras de carácter didáctico e literario coma A Crónica de Castela, Os Milagres de Santiago, etc. Nestes momentos o gale- go tamén era a lingua de uso normal para a poboación empregándose a nivel escrito en calquera acto xudicial e administrativo.

Xa no século xiii comeza a penetración do castelán, que durante o reinado de Fernando iii se acentúa. Así, baixo o goberno de Afonso x o uso do galego acada unha grande importancia no ámbito lírico —como acabamos de explicar— ó tempo que é relegado noutros campos que chamariamos hoxe de carácter público.

No século xiv, despois da loita pola Coroa de Castela entre Pedro i e Henrique ii, e coa victoria deste último, a derrotada nobreza galega come- za a ser substituida pola castelán. Este proceso consúmase no século xv co reinado dos Reis Católicos —nova derrota da nobreza galega que maioritariamente apoiara a Xoana A Beltranexa contra Isabel de Castela— ó seren ocupados os postos claves da Administración e da Igrexa galegas por nobres de fóra que empregaban exclusivamente a lingua castelán. Todo isto vai reducindo o uso do galego ó ámbito rural e vai provocando a súa gradual desaparición dos usos formais —este é o proceso no que se produce unha primeira castelanización—.

Page 125

Os séculos xvi-xvii coñecidos coma Os Séculos Escuros supoñen que o galego perda toda relación coa cultura escrita. Aínda que a maioría da poboación fala galego, a minoría castelán-falante é a que ten o poder político e económico. Nestes séculos só eran galegos un 12 % dos maxistrados da Real Audiencia do Reino de Galicia. A Igrexa non axuda a mellora-la situación do galego, xa que tanto a ensinanza, como os ritos litúrxicos facíanse en castelán ou en latín.

O desprestixio social que sofre o galego nestes momentos non impide destacar algunhas iniciativas. En 1536 o bacharel Olea elabora un vocabulario das palabras da terra de Monforte. Nesta época, Sarmiento de Acuña (primeiro conde de Gondomar) anima ós seus parentes ó uso do galego. No século xvii componse poesía en galego por autores coma Gómez Tonel, Vázquez Neira, Martín Torrado, etc.

No século xviii xorden voces preocupadas pola defensa e estudio do galego coma o Padre Feijoo ou o Padre Sarmiento, quen dicía ó respecto:

É da miña observación que as linguas vivas que só se falan e non se escriben, son máis abundantes de voces cas que se escriben e falan

.

Sarmiento centra o seu estudio na defensa do galego nunha época na que xorden os principais fenómenos que logo caracterizarán as áreas dialectais.

O século xix marca a etapa do chamado Prerrexurdimento na que o galego será utilizado coma un instrumento de propaganda. Ante a invasión francesa, en Galicia fórmase a Xunta Soberana do Reino de Galicia, que fai as chamadas á loita contra os invasores a través de panfletos escritos en galego. Coa expulsión dos franceses consolídase un novo réxime marcado pola inestabilidade política (consevadores e progresistas). Nas épocas de predominio progresista, coa protección da liberdade de prensa, consíguese publicar folletos e algún artigo en galego. En períodos de predominio conservador, márcase como un dos seus proxectos acada-la uniformidade lingüística en España baixo o castelán, marxinando dese xeito ás demais linguas.

Esta política manterase a pesar do Rexurdimento —coas tendencias do provincialismo (1840-1845), do rexionalismo (1885-1915), e do nacionalismo (século xx)— con maior ou menor intensidade e sen apenas interrupción ata o establecemento da democracia, agás no intervalo 1920-1930, onde as reivindicacións galeguistas tiveron enorme pulo. A título simple- mente exemplificativo podemos reseñar que en 1902 o goberno central promulgou un Real decreto prohibindo o uso das linguas diferentes ó castelán na escola; ou que durante o franquismo, dentro desta política de uni-Page 126formación lingüística, diríxese toda unha campaña propagandística tendente a sementar entre a poboación a idea da incultura das demais linguas que non fosen o castelán.

Polo tanto, á vista de todo o exposto ata agora, temos que precisar que o fenómeno de interferencia lingüística que supuxo o castelán sobre o galego non é exclusivamente único da etapa franquista. É froito, entre outras cousas, dun poder político que durante os últimos séculos fortaleceu especialmente unha lingua fronte ás demais, sendo o réxime franquista un claro caso disto.

O certo é que estamos aínda hoxe tentando devolverlle á nosa lingua o carácter que unha vez tivo. Neste sentido o marco actual significou un paso de xigante na defensa das diversas linguas de España. O recoñecemento constitucional e estatutario das linguas, ou no tocante ós topónimos, a Lei galega 3/1983,5 supuxeron novidades dificilmente imaxinables anos atrás. Nembargantes, o certo é que a situación de anormalidade toponímica aínda se mantén en certos lugares. Así, atopámonos con topónimos castelanizados coma La Coruña, La Estrada, Orense, Puebla del Caramiñal, Puente- areas, Sanjenjo, etc. Centrarémonos no caso coruñés debido á controversia que produciu.

IV Regulación autonómica

É necesario plantexar nestes intres cál é a situación na que se atopan outras comunidades autónomas respecto da normativa lingüística no ámbito dos topónimos. Abordaremos pois a normativa existente en Asturias, Cataluña e Euskadi, xunto á regulación que hai en Galicia.

Dende un punto de vista positivista imos partir das distintas normas de normalización lingüística, xa que nin a Constitución española nin os estatutos de autonomía fan unha regulación específica do tema. Para unha exposición máis clara seguiremos unha orde cronolóxica, segundo a promulgación da norma.

Page 127

1. Lei 10/1982 de 24 de novembro, básica de normalización do uso do euskera

Esta lei foi obxecto dun recurso de inconstitucionalidade (número 169/1983) presentado polo presidente do Goberno, que obrigou a modificar algúns dos seus artigos. Entre esas modificacións non se atopa o artigo 10 referente á toponimia:

Art. 10.1. A nomenclatura oficial dos territorios, municipios, entidades de poboación, accidentes xeográficos, vías urbanas e, en xeral, os topónimos da Comunidade Autónoma Vasca, serán establecidos polo Goberno, os órganos forais dos territorios históricos ou as corporacións locais no ámbito das súas respectivas competencias, respectando en todo caso a orixinaria euskaldun, romance ou castelán coa grafía propia de cada lingua.

No caso de conflicto entre as corporacións locais e o Goberno vasco sobre as nomenclaturas oficiais reservadas no paragrafo anterior, o Goberno vasco resolverá, previa consulta á Real Academia da Lingua Vasca.

»Art. 10.2. Os sinais e indicadores de tráfico instalados na vía pública, estarán redactados en forma bilingüe respectando en todo caso as normas internacionais e as esixencias de intelixibilidade e seguridade dos usuarios.

»Art. 10.3. No caso de que estas nomenclaturas sexan sensiblemente distintas, ambas terán a consideración de oficial, entre outras, ós efectos da súa sinalización na vía.»

• Quen fixa a nomenclatura oficial dos topónimos será o Goberno, Órganos Forais dos Territorios Históricos e as Corporacións Locais. Por Goberno enténdese que se trata do Goberno vasco. Así mesmo, ó seren competentes no asunto os Órganos Forais Históricos, reflíctese a peculiaridade política que presenta o País Vasco.

• Outro elemento a sinalar é que, mentres outras leis —que posterior- mente analizaremos— deixan claramente definidos os topónimos que fixará un ou outro suxeito xurídico, aquí hai unha remisión xeral ó «ámbito das súas respectivas competencias», o que supón que habería que determinar caso por caso a competencia na fixación dun topónimo. Esta indeterminación pode deberse ó feito de que a lei foi elaborada en 1982, cando as competencias dos distintos niveis territoriais non estaban tan perfiladas coma en 1998 —ano da nova lei catalana e asturiana—. Nembargantes hai que subliñar ó respecto, que a lei galega apenas é dun ano máis tarde (1983) e neste aspecto é moito máis clara, como veremos posteriormente.

• A lingua na que se fixará o topónimo será «euskaldun, romance ouPage 128castelán coa grafía académica propia de cada lingua», é dicir, recolle diversas posibilidades lingüísticas para fixa-lo topónimo. No caso galego, por contra, non se fai mención doutras posibles formas.

• A norma vasca fai tamén referencia a que no caso de conflicto entre as corporacións locais e o Goberno vasco pola determinación do topónimo, quen resolve é o Goberno vasco, aínda que con previa consulta á Real Academia da Lingua Vasca. Nembargantes, non fai referencia a un posible conflicto entre os órganos forais dos territorios históricos e o Goberno vasco.

• No caso dos sinais de tráfico, teñen que ser redactados en forma bilingüe —nas demais leis non se fai referencia ó bilingüismo, agás a lei asturiana cun matiz que veremos máis adiante— quizais polo feito das diferencias euskera-castelán, e sempre respectando as normas internacionais (fórmulas parecidas a esta aparecerán noutras normativas autonómicas, salvo na lei asturiana).

• Finalmente, e debido ás diferencias entre o euskera e o castelán, o art. 10.3 sinala que se a nomenclatura é sensiblemente distinta, a efectos da sinalización das vías, as dúas formas (euskera e castelán) terán consideración de oficiais. Isto estaría relacionado co xa sinalado no punto anterior.

2. Lei 3/1983 de 15 de xuño,de normalización lingüística de Galicia

A lei (segundo consta no preámbulo) parte do establecido no art. 3 da Constitución e no art. 5 do Estatuto de autonomía de Galicia. No campo da normalización lingüística e respecto ós topónimos, remitímonos ó art. 10:

Art.10.1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial o galego.

Art.10.2. Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo concello correspondente.

»Art. 10.3. Estas denominacións son as legais a tódolos efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en tódolos casos as normas internacionais que suscriba o Estado.»

• A redacción do artigo é moito máis clara que o da lei vasca, pois, sen máis divagacións ou fórmulas confusas, o apartado 1 determina quePage 129só serán oficiais os topónimos en galego, sen facer alusión algunha a outras posibilidades lingüísticas. Así poderemos dicir que o galego oficial é o galego normativo e que os topónimos oficiais serán neste galego, non tomándose en conta outras consideracións, fronte o que se fixo en Euskadi.

• O suxeito ó que lle corresponde determina-los topónimos é a Xunta de Galicia, sinalándose cáles dos posibles topónimos corresponden ó goberno autonómico e cáles ós concellos —os referentes ás vías urbanas—. É dicir, hai aquí unha maior precisión respecto ó que xa adiantabamos ó tratar a lei vasca.

• Non fai mención ó suposto de conflicto e a quen o resolvería, pare- ce presupoñer que non cabería cunha enumeración de atribucións tan clara.

• Tampouco fai referencia a un órgano consultivo (como a Real Academia da Lingua Galega) á hora de fixa-los topónimos, fronte o que acontece na lei vasca, catalana ou asturiana, como xa veremos.

• No tocante á rotulación, fíxase que será a Xunta de Galicia a encargada da súa regulamentación e fronte ó que acontecía coa lei vasca que permitía o bilingüismo, aquí só se admite como oficial a denominación en lingua galega.

• Hai que resaltar tamén que de novo se fai referencia ó respecto das normas internacionais que suscribe o Estado, isto é común a tódalas leis que analizaremos.

3. Lei 1/1998 de 7 de xaneiro,de política lingüística de Cataluña

No preámbulo da lei faise referencia ó establecido no art. 3 da Constitución, ó art. 3.2 do Estatuto catalán e á anterior Lei de normalización lingüística de 1983 que quedou obsoleta polos cambios tecnolóxicos e o multilingüismo da Unión Europea. A extensión desta lei é moito maior e incorpora algunhas importantes novidades (a normalización lingüística tamén é imposta respecto ás empresas privadas cunha especial relación coa Administración pública).

Esta lei ampara e defende a normalización do aranés, referida na Lei 16/1990 de 13 de xullo. Neste ano 1990 sae adiante o Estatut especiau d´Aran que recolle claramente a oficialidade do aranés no Val de Arán6Page 130xunto ó castelán e ó catalán (pasando a ser o único territorio de España con tres linguas oficiais), poñendo fin así á ambigüedade da normativa autonó- mica catalana anterior.

A regulación da toponimia inclúese no Capítulo ii referido á onomástica, concretamente no art.18:

Art. 18.1. Os topónimos de Cataluña teñen como única forma oficial a catalana, de acordo coa normativa lingüística do Institut d´Estudis Catalans, excepto os do Val de Arán, que teñen a aranesa.

Art. 18.2. A determinación da denominación dos municipios, e das comarcas, ríxese pola lexislación do réxime local.

»Art. 18.3. A determinación das vías urbanas e núcleos de poboación de todo tipo correspóndelle ós concellos, e a dos demais topónimos de Cataluña correspóndelle ó Goberno da Generalitat, incluídas as vías interurbanas, sexa cal sexa a súa dependencia.

»Art. 18.4. As denominacións ás que se refiren os apartados 2 e 3 son as legais a tódolos efectos e a rotulación debe concordar coas mesmas. Corresponde ó Goberno da Generalitat regula-la denominación da rotulación pública respectando en tódolos casos as normas internacionais que pasaron a formar parte do Dereito interno.»

• Novamente (ó igual que a lei galega) deixa claro que a única forma oficial dos topónimos é a catalana, se ben na determinación norma- tiva dos mesmos intervirá o Institut d´Estudis Catalans (como ocorre nos casos das leis asturiana e vasca e ó contrario do que xa indicabamos na lei galega). Sinálase unha excepción, o Val de Arán, no que será oficial a forma aranesa.

• Ó igual que fai a lei galega, determina qué topónimos fixará a Generalitat e cáles os municipios. Precisa que os municipios e comarcas rexiranse pola lexislación de réxime local, fixando os concellos o nome das vías urbanas e núcleos de poboación, fronte ó que acontecía na lei galega que só lles atribuía as vías urbanas. Por exclusión todo o demais correspondería á Generalitat.

• O apartado 18.4 seméllase ó 10.3 da lei galega; nel disponse que son legais as fórmulas dos apartados anteriores, é dicir, única e exclusivamente as catalanas, fronte á vasca que admite como oficiais o vasco e o castelán se a nomenclatura é distinta. O límite do respecto á normativa internacional mantense nesta lei, ó igual que nas demais que estamos a ver (agás na asturiana, onde non aparece expresamente).

Page 131

4. Lei 1/1998 de 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano

Ó igual que a lei catalana e a diferencia da vasca e da galega, no seu título non se inclúe o termo normalización, senón que se indica que o seu fin e o da promoción do uso do bable/asturiano. Pártese do art. 4 do Estatuto, onde non se recolle o bable/asturiano como lingua oficial, simplemente disponse que gozará de protección. De modo que aquí nos atopamos nun caso distinto ós anteriores, xa que non se trata dunha lingua co mesmo grao de oficialidade. Así, o que o Estatuto de autonomía de Asturias dispón é a promoción do uso do bable/asturiano e doutras modalidades lingüísticas (artigo 10.1.15).

O artigo 15 da Lei 1/1998 asturiana regula a cuestión toponímica:

Art.15. Topónimos:

Art. 15.1. Os topónimos da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias terán a denominación oficial na súa forma tradicional. Cando un topónimo teña uso xeneralizado na súa forma tradicional e en castelán, a denominación poderá ser bilingüe.

Art.15.2. De acordo cos procedementos que regulamentariamente se determinen, corresponde ó Consello de Goberno, previo dictamen da Xunta de toponimia do Principado de Asturias, e sen prexuízo das competencias municipais e estatais, determina-los topónimos da Comunidade Autónoma.»

• No tocante á denominación oficial parte da «forma tradicional», é dicir, non se pronuncia sobre a oficialidade (en castelán ou en bable/ asturiano) senón que haberá que respecta-lo uso xeneralizado, que poderá chegar a ser bilingüe (seméllase ó caso vasco da sinalización) cando esa utilización sexa na súa forma tradicional e en castelán. É pois un caso diferente ó das leis catalana e galega, nas que os topónimos só serán en catalán e en galego, como vimos reiterando. O feito de admiti-lo bilingüismo no caso de dúbida é mostra da intención de non admitir sen máis unha forma única e exclusivamente en castelán como oficial.

• Do mesmo xeito que ocorre coa lei catalana e vasca, determínase que se acudirá consultivamente a un órgano específico, a Xunta de toponimia. Sen prexuízo das competencias municipais e estatais, os topónimos serán fixados polo Goberno asturiano. Aquí, ó igual que na lei vasca, non se determinan cáles son as competencias na materia do Consello de Goberno nin dos municipios —fronte ó referido na Lei 1/1998 de 7 de xaneiro ou na Lei 3/1983 de 15 de xuño—.

• Non se fai referencia ós indicadores nin ás rotulacións, nin se debenPage 132ou non respecta-la normativa internacional (sería a única lei das vistas que non o fai).

Con todo isto vemos que os topónimos son unha mostra do carácter oficial ou non que pode ter unha lingua. Uns topónimos teñen que ser fixados necesariamente en catalán ou en galego. Outros admitirían o bilingüismo (caso vasco da sinalización e da indeterminación en Asturias). Non significa isto que o vasco ou o bable/asturiano carezan do rango de linguas oficiais, senón que ademais de distingui-la oficialidade do español7fronte ás linguas das distintas comunidades autónomas, haberá que distinguir diferentes graos de oficialidade dentro destas últimas. Así, hai comunidades autónomas onde, en materia de topónimos, só son oficiais os da lingua da comunidade (Galicia e Cataluña), outras nas que á oficialidade da lingua da comunidade incorpóraselle a obligatoriedade dunha fórmula bilingüe (País Vasco), e outras onde a oficialidade da lingua consistiría na promoción e fomento do seu uso (caso do bable/asturiano en Asturias).

Este apartado non pode rematar sen reseñar que no conxunto de España existirían outras situacións lingüísticas que merecerían un estudio detallado que o obxecto deste traballo non pode abarcar: a franxa oriental aragonesa que fala o catalán, a polémica sobre se o que se fala en Valencia é catalán ou valencián, a situación de cooficialidade do euskera co castelán nas zonas vasco-falantes de Navarra ou a problemática do ensino do gale- go na parte occidental de Asturias e Castela e León.

@V. Un exemplo xurídico da problemática da toponimia: A Coruña

Centrarémonos agora en abordar o caso concreto que representou a normalización do topónimo de A Coruña. Escoller este exemplo non foi casual, pois estamos ante un suposto no que o Concello coruñés, xunto coa Mesa pola Normalización Lingüística, protagonizaron un longo conflicto xurídico sobre o «topónimo oficial» da cidade.

Page 133

En primeiro lugar, exporémo-la normativa vixente respecto dos topónimos e uso do galego polos poderes públicos; continuaremos facendo unha breve referencia á situación existente no Concello de A Coruña con anterioridade á iniciación do proceso xudicial e, finalmente, analizaremos este dilatado proceso.

Remataremos este estudio amosando algúns dos problemas que «o caso coruñés» sigue plantexando hoxe en día, así como os Autos do Tribunal Constitucional que «aparentemente» poñen fin ó conflicto.

@@1.Normativa vixente respecto dos topónimos e uso do galego polos poderes públicos

A Constitución española (ce) dispón no art. 3.1 que «O castelán é a lingua española oficial do Estado. Tódolos españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala». O apartado segundo engade que «As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus Estatutos».

O Estatuto de autonomía de Galicia (eag) desenvolve esta disposición constitucional e dispón no importante art. 5.1 que «A lingua propia de Galicia é o Galego. 2. Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar. 3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. 4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua».

Finalmente, nesta breve referencia ó que se considera pola doctrina e xurisprudencia como «bloque de constitucionalidade», destacarémo-lo art. 27 do eag no que se mencionan materias sobre as que a Comunidade Autónoma Galega terá competencia exclusiva, indicándose no apartado 20 «a promoción e o ensino da Lingua galega», que plasmaría no eag a previsión constitucional do 148.1.17 de competencia autonómica para o ensino da lingua propia.

En virtude de todo isto o Parlamento de Galicia aproba, na súa primeira lexislatura, a Lei 3/1983 de normalización lingüística de Galicia, de 15 de xuño (lnlg).

Esta Lei, moi polémica en canto ó modelo de normalización seguido, é clara respecto do uso do galego polos poderes públicos e da toponimia, que son os temas principais que nos ocupan.

Nos seus arts. 1, 2 e 3 recóllense os dereitos lingüísticos en Galicia quePage 134reflicten que «tódolos galegos teñen o dereito de usalo (o galego)», a obriga dos poderes públicos de «garanti-lo uso normal do castelán [...]» e a de «evita-la discriminación por razón de lingua».

O art. 6.3 da lnlg afirma que «Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns». O apartado 4 especifica este mandato xenérico engadindo «A Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei».

Pola súa banda, o art. 10 da mesma lei establece que «1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. 2. Corresponde á Xunta a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo concello correspondente. 3. Estas denominacións son as legais a tódolos efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en tódolos casos as normas internacionais que suscriba o Estado».

O recollido nesta lei, no seu apartado primeiro, quedará avalado no ano 1985 polo art. 14.2 da Lei 7/1985 reguladora das bases de réxime local, de 2 de abril (lbrl) que recolle «a posibilidade de que a denominación dos municipios se exprese en calquera das linguas españolas oficiais en cada Comunidade Autónoma».8

A lbrl permitirá pois que o nome oficial dos municipios estea en castelán, noutra lingua española oficial na respectiva Comunidade Autónoma, ou en ambas (diferentes posibilidades que se foron adoptando dependendo de cada comunidade con lingua propia).

Facendo uso da habilitación feita polo Parlamento na lnlg, o Goberno galego aproba no ano 1984 tres importantes decretos: o Decreto 43/1984 de 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia, o Decreto 132/1984 de 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia, e o Decreto 146/1984 de 27 de setembro, polo que se determinan nomes oficiais de municipios de Galicia nos que existen notarías.

O decreto relativo á Comisión de Toponimia modificouse polo Decreto 174/1998 de 5 de xuño. No art. 1 dise que esta Comisión «é o órgano de estudio, asesoramento e consulta da Xunta de Galicia para a determinaciónPage 135dos nomes oficiais da toponimia galega e para evalua-las consultas que sexan necesarias con tal fin». Neste mesmo artigo queda constancia expresa da adscripción da Comisión de Toponimia á Secretaria Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública. O art. 2 estructura o funcionamento da Comisión en Pleno e en Ponencia de Estudios, sendo o máis destacable a composición mixta do Pleno da Comisión recollida no art. 3: está presidido polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, conta con varios vocais políticos con rango de Director Xeral da Xunta, ós que se engaden seis vocais de libre designación expertos en toponimia e lingua galega elixidos entre persoas de recoñecido prestixio, xunto con representantes de institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega, o Instituto Padre Sarmiento e a Facultade de Xeografía e Historia. O Pleno será o órgano encargado de resolve-las consultas solicitadas á Comisión, dictaminando sobre os topónimos propostos pola Ponencia de Estudios (composta polos vocais de libre designación).

O Decreto 132/1984 establece o procedemento de fixación ou recuperación da toponimia de Galicia. Na súa parte expositiva insiste na especial importancia que teñen os nomes dos concellos e das súas capitais e que os supostos tratados non son cambios de nome, senón de recuperación ou fixación de nomes que quedaron desvirtuados ó longo do tempo. No art. 2 disponse que «correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia a determinación, por medio de decreto, dos nomes oficiais dos concellos e das súas capitais, das parroquias e das comarcas». Este artigo engade que, para levar isto a cabo, «será preceptivo o dictame da Comisión de Toponimia».

Para rematar este grupo de decretos da Xunta de Galicia, deixámo-lo Decreto 146/1984, polo que se determinan nomes oficiais de municipios de Galicia nos que existen notarías, incluindo o nome de A Coruña como o oficial da devandita cidade,9 previo informe da Comisión de Toponimia.

Neste sentido hai que indicar que a denominación da provincia (coincidente neste caso co nome da súa capital) é potestade estatal. Así, o texto refundido de disposicións legais vixentes en materia de réxime local (trlrl), aprobado por Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril dispón no seu art. 25.2 que «só mediante lei aprobada polas Cortes Xerais pode modificarse a denominación». A denominación provincial era a de LaPage 136Coruña dende 1833 e a denominación oficial de A Coruña terá que esperar ata a Lei das Cortes Xerais 2/1998, de 3 de marzo,10 producíndose o absurdo de que durante cerca de 14 anos (dende o 1984 ata o 1998) provincia e capital da mesma tiñan oficialmente denominación distinta.

O marco normativo da materia que estamos a ver non podería rematar sen ter en conta dous preceptos normativos, o primeiro estatal e o segundo de base autonómica. O Real Decreto 268/1986 de 28 de novembro, que aproba o regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico dos entes locais, que se remite á normativa autonómica e local para establece-la lingua que se empregará nas súas actuacións, e o art. 1 da Lei 5/1988 do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, de 21 de xuño, que di: «1. As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega. 2. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, as devanditas entidades poden facelo, ademais na outra lingua oficial».

Esta lei de 1988 foi o precedente da Lei 5/1997 de Administración local de Galicia, de 22 de xullo, engadindo que en determinados casos especiais, nos que poida estar en perigo algún dos dereitos lingüísticos dun cidadán ou representante local, a posibilidade de redacción en castelán haberá de entenderse deber.11

2. Topónimo e uso do galego polo Concello de A Coruña

A Lei 5/1988 dispoñía que non produciría plenos efectos ata dous anos despois, precisamente para permitir ós diferentes concellos unha adaptación progresiva ó disposto por ela.

O Concello de A Coruña, chegados ó ano 1990, continuaba usando o topónimo La Coruña e empregaba fundamentalmente o castelán como lingua da administración municipal, tanto a efectos internos como respecto das relacións coa cidadanía.

Sen dúbida, o máis adecuado sería unha solución política á marxe dos tribunais. Nembargantes, a corporación coruñesa mantivo a posición de defensa do topónimo La Coruña. A Xunta, que xa establecera o topónimoPage 137galego no 1984, optou por unha posición pasiva (non adoptou accións concluíntes encamiñadas ó cumprimento da súa propia normativa), e isto a través de sucesivos gobernos de distinta cor política. Dende a nosa óptica, consideramos que había un certo temor ante a posición de forza dun alcalde maioritariamente respaldado e apoiado por parte da oposición municipal.

Neste estado de cousas, A Mesa pola Normalización Lingüística (mnl) acode en setembro de 1991 ó Valedor do Pobo na procura dun cambio na actitude municipal. Esta modificación de comportamento non se concreta; de igual xeito esta mesma asociación interpón unha reclamación administrativa ante o Concello coruñés o 2 de xaneiro de 1992, sendo desestimada por silencio administrativo a solicitude da mnl para que o Concello empregue o nome oficial de A Coruña e use o idioma galego en tódalas ordes oficiais.

3. Proceso xurídico: A Mesa pola Normalización Lingüística-Concello de A Coruña
a) A Sentencia 606/1994 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta, en febreiro de 1993, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (tsxg), con sede precisamente na cidade coruñesa, un recurso contencioso-administrativo (número 4944/1992) contra o Concello de A Coruña pola desestimación da solicitude feita por esta asociación o ano anterior.

O tsxg resolve na Sentencia 606/1994 de 28 de xullo. Nesta resolución arguméntase que a mnl está correctamente lexitimada como parte actora, pois considera que é unha asociación que «ten entre os seus fins os relacionados coa situación da lingua galega, polo que en aplicación do artigo 32 da Lei Xurisdiccional e do artigo 31.2 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, interpretados de conformidade co artigo 24 da Constitución, ningunha dúbida cabe da posibilidade de actuación neste proceso pola parte agora recurrente».

O Tribunal emprega toda a base normativa que amosamos con ante- rioridade (LNLG, Decreto 146/1984, LBRL, Lei 5/1988) para considerar no seu fallo «que debemos estimar e estimamos o recurso contencioso administrativo interposto pola Mesa pola Normalización Lingüística [...] instando a que o devandito Concello recoñeza e utilice como nome oficial oPage 138de A Coruña en lugar de La Coruña, así como que utilice o idioma galego en tódalas ordes oficiais, e en consecuencia dispoñemos que o Concello de A Coruña ten que utilizar como nome oficial o de A Coruña e ten que aplica-la lingua galega nas convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas, sen prexuízo de que ademais o poida facer en castelán».

Consideramos tamén conveniente reseñar que o tsxg na súa fundamentación xurídica (fundamentos terceiro e cuarto) considera que «os elementos constitutivos de identidade esenciais da litispendencia aquí non concorren», en relación ó recurso contencioso-administrativo (número 5073/1992) interposto polo Concello de A Coruña respecto do uso do nome «A Coruña» polo Ministerio de Administracións Públicas;12 ademais, o disposto na Lei 5/1988 «practicarase coa esixible racionalidade».

O fallo do Tribunal Superior era claro e non deixaba lugar a dúbidas. Neste sentido é interesante lembra-lo Informe da Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega correspondente ó ano 1994, no que esta institución «fai votos para que o Concello da Coruña, en consoancia coa lexislación, a documentación filolóxica, a tradición cultural e a realidade sociolingüística da cidade, trate con respecto o ordenamento legal, así como co agarimo que merece un ben tan noso, de tódolos galegos, como é a lingua. Ás autoridades políticas, espello do comportamento dos cidadáns, correspóndelles dar exemplo». Nembargantes, o Concello coruñés acolleuse ó seu dereito de recorrer esta Sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, interpoñendo recurso de casación na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo.

b) Execución provisional da Sentencia

Ante un alongamento do proceso previsible ó recorre-lo Concello en casación (o Tribunal Supremo non dictaría sentencia ata o ano 2000) a mnl solicitaría a execución provisional da Sentencia 606/1994.

O tsxg accede a isto nun Auto de 24-10-1994, desestimando as alegacións en sentido contrario do Concello que argumentaba falta de medios persoais e financeiros para facer fronte á sentencia. Precisamente, para evitar estes posibles danos ó Municipio de A Coruña, o Tribunal considera, nun xesto conciliador, que a execución farase «progresivamente e nun es-Page 139pacio temporal razoable», dándose «conta (dos resultados) periodicamente a esta Sala».

A partir de aquí, iniciouse un proceso onde se dictaron varias resolucións xudiciais ante as alegacións presentadas polas dúas partes, das que destacarémo-lo Auto de 15-12-1994, no que o tsxg confirma a execución provisional ante o recurso de súplica presentado polo Concello, e a Providencia de 30-3-1995, na que o tsxg, en relación á documentación presentada polo Concello di que «nin sequera nas mencionadas convocatorias e ordes do día [...] utilízase o topónimo A Coruña, empregándose a forma La Coruña non só nas convocatorias feitas en castelán, o cal igualmente desatendería o ordenado na Sentencia e no Auto de execución, senón incluso tamén nas referidas convocatorias efectuadas en galego». O Tribunal adopta unha posición menos contemporizadora e esíxelle ó Concello un «completo informe» das actuacións feitas por el de cara á correcta execución da sentencia.

Para rematar este apartado, sinalarémo-lo Auto de 9-5-1995 no que o tsxg ordena que «a partir da presente data, e sen máis dilacións, excusas nin pretextos, dito Concello deberá utiliza-lo topónimo A Coruña en tódalas súas actuacións [...]» e a Providencia de 9-11-1995 na que, unha vez máis se «procede reitera-la orde de execución provisional da sentencia [...] puidendo os feitos descritos (na providencia) ser constitutivos de delito de desobediencia, e [...] remítase testimonio de particulares ó Excmo. Sr. Fiscal- Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia».

Como acabamos de ver, o procedemento de execución provisional foi complicado, pois o Concello coruñés agardaba un fallo favorable do Tribunal Supremo (ts), o que por outra banda, tampouco xustificaría as trabas a esta execución.

c) Sentencia do Tribunal Supremo

O 25 de setembro de 200013(máis de 6 anos despois da sentencia do tsxg) a Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo resolvía o Recurso de casación número 7249/1994 interpostoPage 140polo Concello de A Coruña. O ts desestima no seu fallo tódolos motivos de casación aducidos e entra a valorar na súa argumentación aspectos formais e substantivos, sendo unha sentencia extensa e moi fundamentada xuridicamente, aínda que non exenta de críticas.

A continuación, e sen ánimo de facer un estudio exhaustivo, destacarémo-las consideracións fundamentais do ts.

O Concello alega que a sentencia outorga máis do pedido, vulnerando a Lei da Xurisdicción (na súa nova versión dada pola Lei 10/1992). Fundamenta isto en que a Sentencia do tsxg concreta as «ordes oficiais» de utilización do galego, algo non solicitado no recurso da mnl; nembargantes, o Tribunal Supremo sostén que o único que fai o tsxg é «reproduci-lo artigo 1 da Lei do Parlamento galego 5/1988» e, por tanto, «non incorre en incongruencia». O Consistorio emprega un argumento similar para dicir «que tampouco foi obxecto de petición actora a autorización consistente en que adicionalmente puidera tamén utilizarse o castelán», algo igualmente rexeitado polo ts, xa que tamén se establece na mesma lei. Neste sentido consideramos que non sería moi congruente que a mnl utilizara a Lei 5/1988 para esixi-lo emprego do galego polo Concello e, ó mesmo tempo, fora contra esa lei que faculta o uso a maiores do castelán. Despois dun proceso tan longo, non parecería razoable que se fixera ver que a parte actora pedira o incumplimento da lei.

O municipio coruñés alega tamén que A Mesa pola Normalización Lingüística carece de lexitimación activa. O tsxg rexeitara no seu momento este argumento, pero o Concello considera que este Tribunal infrinxiu os artigos 28.a da Lei da xurisdicción (a mnl non tería neste caso un interés lexitímo) e 32 da mesma Lei (lexitimación recoñecida a asociacións constituidas para velar por intereses profesionais e económicos determinados), así como o artigo 31.2 da Lei 30/1992 (referencia a intereses económicos e sociais sin relación directa coa acción promovida pola mnl). O ts estima que estes argumentos do Concello de A Coruña non poden ser acollidos. Así manifesta que «o artigo 7.3 da Lei orgánica do poder xudicial, que entronca cunha interpretación extensiva, acorde co artigo 24.1 ce, que efectúa a xurisprudencia desta Sala dos artigos 28.1a e 32 da Lei da xurisdicción, recoñece a lexitimación para a defensa de intereses colectivos e, incluso, difusos ás asociacións constituidas con tal fin», recoñecendo «que as persoas xurídicas de base asociativa e representativa poden exercitar accións encamiñadas a facer valer xurisdiccionalmente os intereses lexítimos que se asumen como obxecto na súa actividade. Neste caso, [...] unha utilización normalizada da lingua galega, oficial na Comunidade Galega, por parte dunha Administración local».

Page 141

Cómpre facer unha especial mención ó Fundamento de Dereito quinto no que o ts considera o «recoñecemento do plurilingüismo como valor positivo, e se establece un réxime de cooficialidade lingüística territorializado». Ademais, tomando a Sentencia do Tribunal Constitucional 82/1986, de 26 de xullo «a pesares de que a Constitución non define, senón que da por suposto o que sexa unha lingua oficial, a regulación que fai da materia permite afirmar que é oficial unha lingua, independentemente da súa reali- dade e peso como fenómeno social, cando é recoñecida polos poderes públicos como medio normal de comunicación en e entre eles e na súa relación cos suxeitos privados, con plena validez e eficacia» vémo-lo que o Tribunal Constitucional considera como lingua oficial e o ámbito que lle confire, aínda que aparca polo momento o que poida afectar ás relacións entre os suxeitos privados.

O ts chega a determinar cáles son «os dereitos básicos en materia lingüística indispoñibles para o lexislador ordinario: a) dereito de uso das linguas (oficiais) para realizar validamente e con plena eficacia actuacións de relevancia xurídica no ámbito territorial galego; b) o principio de non discriminación por razón de lingua [...] e c) o dereito de elección de lingua oficial [...]». Respecto do dereito de elección, o Tribunal diferencia unha vertente activa «dereito a dirixirse ós poderes públicos na lingua da súa elección», cun alcance absoluto e con validez e eficacia independentemente da lingua escollida. Xunto a esta, hai unha vertente pasiva «dereito a ser atendido por ditos poderes nunha das dúas linguas» cun alcance relativo e non absoluto, «admitindo límites á elección en relación coa lingua da actuación administrativa ou do procedemento administrativo, sempre, claro está, que tales límites non se traduzan en indefensión do cidadán».

Para ir rematando é conveniente sinalar que para o Alto Tribunal a consideración do galego como lingua propia de Galicia que fai o eag comporta unha serie de importantes consecuencias xurídicas, «anudadas a súa condición de factor de identidade política». Serve, por exemplo, para xustificar que os topónimos de Galicia teñan como única forma oficial a gale- ga, ou que ó te-lo Parlamento galego a competencia en materia lingüística se priorice o uso do galego, «sempre que se respecten os límites que representa o modelo lingüístico constitucional», polo que o uso preferente do galego polas entidades locais de Galicia non ofrece dúbidas de constitucionalidade.

Finalmente, o ts expresa claramente que as regulacións sobre a toponimia e uso do galego polos poderes públicos que fai a Xunta de Galicia «non son contrarias á autonomía municipal no seu aspecto de autoorganización».

Page 142

En resumo, esta Sentencia constata a existencia dun mandato a unha administración (concello) para que use unha lingua (o galego), podendo a maiores emprega-lo castelán, salvo no topónimo, no que rexirá a denominación regulada pola administración competente para iso (Xunta de Galicia). Ademais, o fallo recoñece o dereito de todo cidadán a emprega-lo castelán nas súas relacións cos poderes públicos.

d) Autos do Tribunal Constitucional e situación actual

Coa Sentencia dictada polo Tribunal Supremo, abandónase o plano da provisionalidade e obtense unha sentencia firme. O tsxg, que resolveu en primeira instancia, móstrase máis vixiante coa marcha do proceso executivo.

O Concello, primeiramente e por boca do seu alcalde, D. Francisco Vázquez, manifestou que «esta sentencia non cambiará en nada a política do executivo municipal» que «gardou escrupuloso respecto á Constitución que di que o idioma oficial é o español», afirmándose dende o Consistorio herculino que se usará A Coruña cando se fale en galego e La Coruña cando se faga en español.14 Esta posición tería o seu reflexo no recurso de amparo interposto ante o Tribunal Constitucional (tc) e que contou coa participación destacada, na súa elaboración, do profesor García de Enterría.

Con posterioridade, o Municipio adoptou unha posición de maior receptividade ó cumprimento (sobre todo a raíz da Providencia do TSXG de 20-9-2001 que esixe o cumplimento fiel do disposto na Sentencia resolutoria do presente proceso, «con expreso apercebemento de imposición de multa coercitiva para o caso de que se desatenda tal requerimento»), aínda que continuaba sendo bastante frecuente que nas actuacións do Concello aparecera o nome da cidade en galego e en castelán.

Recentemente o tc pronunciouse por dúas veces sobre o caso que estamos a examinar, confirmando dunha forma indirecta o establecido nas sentencias do tsxg e do ts. Primeiramente, por un Auto de 11-2-2002, a Sección Segunda da Sala Primeira do tc acordou por unanimidade inadmitir o recurso de amparo interposto polo Concello de A Coruña. O Municipio fundamentara a súa argumentación na violación dos arts. 18.1 e 23.1 da ce,15 sendo rexeitada polo tc ó considerar que «no escrito de in-Page 143terposición do recurso de casación non se contén invocación algunha dos dereitos fundamentais á propia imaxe e á participación nos asuntos públicos, polo que á Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo non se lle deu ocasión, en forma axeitada, de enxuiza-las vulneracións dos dereitos fundamentais que hoxe se denuncian directamente ante este Tribunal». É dicir, o tc estima que concurre a causa de inadmisión do art.44.1.c en relación co art. 50.1a da Lei orgánica do Tribunal Constitucional (lotc).

O Concello tamén alegara a infracción do art. 24.1 da ce pola ausencia de motivación na Sentencia do ts. Neste caso, o tc fai dúas interesantes apreciacións. Por un lado, considera que «as persoas xurídico-públicas só excepcional e limitadamente disfrutan do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva», tal como se recollía na Sentencia 175/2001 do mesmo tribunal; por outro, e de conformidade coa Sentencia 115/1996 do Tribunal Constitucional, «deben considerarse suficientemente motivadas aquelas resolucións xudiciais que veñan apoiadas en razóns que permitan coñecer cáles son os criterios xurídicos fundamentadores da decisión», engadindo que «no presente caso chega coa lectura dos nove Fundamentos de Dereito da Sentencia impugnada para recoñecer os criterios xurídicos que conduciron ó fallo desestimatorio do recurso de casación». Polo tanto, este sería un suposto de inadmisión recollido no art. 50.1c da lotc, considerán- dose pois que estamos ante unha «manifesta carencia de contido constitucional».

Posteriormente, o tc (esta vez a Sección Terceira da Sala Segunda) emitiu un segundo Auto de 1-7-2002, que recolle unha argumentación similar por parte do Concello (vulneración dos arts. 18.1 e 23.1 da ce), en relación coa resolución da Dirección Xeral de Réxime Xurídico do Ministerio para as Administracións Públicas pola que se inscribiu a denominación A Coruña no Rexistro Estatal de Entidades Locais. Igualmente o tc inadmitiu o recurso de amparo unanimemente pola «ausencia de invocación na vía xudicial correspondente dos dereitos fundamentais supostamente vulnerados».

Así, polo menos no ámbito estatal, este dilatado proceso xudicial pare- ce tocar ó seu fin, aínda que, dende a nosa óptica, sería máis desexable que o tc entrara no fondo para evitar utilizacións «interesadas» destes pronunciamentos.

Con todo, a polémica continúa viva. Proba delo son as declaracións do Director Xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, ó considerar que o topónimo La Coruña legalmente non existe, e que o mantemento do topónimo da cidade en castelán na documentación oficial su-Page 144pón unha falta de respecto á Xustiza e ás institucións;16 en sentido contrario foron significativos os comentarios do propio presidente do tc, Manuel Jiménez de Parga, dándolle a razón ó alcalde cando utiliza La Coruña ó expresarse en castelán e A Coruña cando o fai en galego.17

De tódolos xeitos, o alcalde coruñés, despois do Auto de 11-2-2002 do tc, empregou por primeira vez a denominación A Coruña nun texto redactado en castelán, ó tempo que se adoptou un novo membrete municipal coa fórmula «Ayuntamiento de A Coruña/La Coruña. Concello de A Coruña».18

Neste estado de cousas non son descartables novos pasos da mnl, no caso de que considere que a sentencia segue sen ser cumprida, ou incluso que o Concello coruñés busque acudir a outras instancias xudiciais, como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

VI Conclusión

As leis de normalización lingüística ou de política lexislativa —nas distintas comunidades autónomas— non só se caracterizan polo feito de determinar que o emprego das linguas rexionais teña validez na esfera pública, senón tamén porque é necesario o fomento e liberdade no uso da lingua propia e saber cál é a forma oficial dos topónimos.

As sentencias do Tribunal Constitucional (stc) avalaron o sistema establecido polas diferentes leis de normalización lingüística, agás nalgúns casos, como indica González-Varas Ibáñez:19

  1. stc 82/1986 en relación coa lei vasca, determina a inconstitucionalidade ó exclui-lo castelán na determinación sociolingüística do municipio.20

  2. stc 83/1986 en relación coa lei catalana de 1983, sinala como in-Page 145constitucional a «interpretación catalana coma auténtica no caso de dúbida no texto».

  3. stc 84/1986 sobre a lei galega, establece como inconstitucional o deber dos galegos de coñece-la súa lingua.

Cómpre dicir para ir rematando, que aínda que as comunidades autónomas teñen o peso da regulación da materia lingüística, de acordo coa Constitución e os respectivos Estatutos de Autonomía, o Estado resérvase esta regulación nos importantes campos da Administración de Xustiza (artigo 149.1.5 ce) e da lexislación procesual (artigo 149.1.6 ce),21 polo que a competencia, stricto sensu, é concurrente.

Nembargantes, no ámbito específico da toponimia, a competencia (como se reflectiu ó longo do traballo) é exclusiva das comunidades autónomas, e a determinación específica do topónimo oficial dos concellos atribúese, segundo estas leis, ós gobernos das comunidades autónomas (a maioría dos casos, no que se inclúe Galicia) ou conxuntamente ós gobernos autonómicos, provinciais e locais (este sería o caso de Euskadi). Cousa distinta é a denominación oficial das provincias, como tamén tratamos, xa que de acordo co artigo 25.2 trlrl, só poderá facerse mediante lei aprobada en Cortes. Exemplo disto, como vimos sería o da provincia de A Coruña que terá que agardar á Lei 2/1998, de 3 de marzo para establecer que a forma oficial é A Coruña.

A utilización dunha lingua ou outra no tocante ós topónimos é, pois, unha cuestión esencial. Dende o punto de vista xurídico, como acabamos de subliñar, xa que hai unhas normas específicas que determinan qué lingua haberá de empregarse. Dende un punto de vista sociolingüístico, xa que son mostra do carácter dun pobo. O respecto á lingua é o que forma parte da nosa «riqueza cultural», como considera o Tribunal Constitucional na stc 337/1994.

En todo caso, os topónimos dos municipios en Galicia non son hoxe obxecto da polémica que tiveron en tempos pasados (non debemos esquecer, a modo de exemplo, que A Pobra do Caramiñal ou Vilalba durante anos non recoñeceron o seu topónimo oficial). Na actualidade os concellos galegos asumen que a súa denominación oficial é competencia autonómica e non municipal, sendo unha cuestión que maioritariamente non ocasiona conflictos.

Page 146

VII Bibliografía
a)Ámbito xeral:

Cambeiro Cives, Lois, «A recuperación legal dun topónimo: A Coruña»,Revista de Llengua i Dret, n° 24, decembro 1995, pp. 137-144.

Diccionario da Real Academia Galega, Xerais, 1997.

Diccionario de la Real Academia Española, Espasa-Calpe, Tomo II, 1998.

Fernández Rei, Francisco; Santamarina Fernández, Antón (coordinadores), Estudios de Sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1999.

Ferreira Fernández, Xavier, «Language rights and legislation in Spain: The Galician case» (inédito).

González-Varas Ibáñez, Santiago, «Spain is different (El mito de las lenguas)», Revista de Administración Pública, nº 156, setembro-decembro 2001, pp. 155-189.

Historia de Galicia

, Faro de Vigo, fascículos 4, 10, 11, 12, 23 e 52, 1991.

Informe da Sección de Lingua

, Consello da Cultura galega, 1994.

Mariño Paz, Ramón, Historia da lingua galega, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 1998.

Monteagudo Romero, Henrique, Historia social da lingua galega. Idioma, sociedade e cultura a través do tempo, Vigo, Galaxia, 1999.

Nogueira López, Alba, «La regulación del pluralismo lingüístico. Otra lectura del marco constitucional de los derechos y los deberes lingüísticos», Revista Vasca de Administración Pública, nº 58, ssetembro-decembro 2000, pp. 279-298.

— «Perspectivas xurídicas das linguas minorizadas na Unión Europea», ATrabe de Ouro, n° 47, Tomo III, 2001, pp. 365-378.

b)Principais instrumentos lexislativos e xurisprudenciais analizados:

Sentencia 606/1994 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de 28 de xullo, que resolve o Recurso contencioso-administrativo número 4944/1992.

Sentencia do Tribunal Supremo, de 25 de setembro de 2000, que resolve o Recurso de casación número 7249/1994.

Lei 10/1982 de 24 de novembro, básica de normalización do uso do euskera.

Page 147

Lei 3 /1983 de 15 de xuño, de normalización lingüística (de Galicia).

Lei 1/1998 de 7 de xaneiro, de política lingüística (de Cataluña).

Lei 1/1998 de 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano.

-------------------------

[3] . A penetración do latín prodúcese simultaneamente por dúas frontes: • A meridional (é a principal), de Bética a Lusitania e de aí a Gallaecia. • Polo leste, dende Asturica Augusta ás zonas mineiras do Bierzo e á zona de Lucus Augusti.

[4] . Galego e portugués vanse distanciando no século xv debido á incomunicación dos dous reinos. A partir de entón se configurarían os principais trazos lingüísticos que os afastan.

[5] . Vid. art. 3 da Constitución española, art. 5.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e art. 10 da Lei de normalización lingüística de Galicia.

[6] . O Val de Arán é un pequeno territorio da parte pirenaica da provincia de Lleida (Cataluña) de apenas 6.000 habitantes. A normalización da súa lingua ocasionou certa polé- mica ó acollerse á variedade occitana.

[7] . Vid. Sentencia do Tribunal Constitucional 337/1994, de 23 de decembro, onde deixa claros os conceptos de cooficialidade das linguas e a competencia da comunidade autónoma na materia de normalización —tendente ó fomento do uso, corrección progresiva da situación histórica da desigualdade respecto ó castelán e procura-lo máis amplo coñecemento e utilización desta lingua no seu territorio.

[8] . Sentencia 606/1994 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no seu fundamento de dereito terceiro.

[9] . Debemos dicir que o propio Concello herculino non recorreu a decisión, o que se tomou como unha aceptación da mesma. Así, as impugnacións indirectas do citado Decreto foron consideradas improcedentes nas sentencias 606/1994 e 607/1994 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

[10] . A Sentencia do Tribunal Supremo que resolve o Recurso de casación número 7249/1994 faise eco desta diverxencia no fundamento de dereito séptimo.

[11] . Vid. Sentencia do Tribunal Supremo que resolver o Recurso de casación número 7249/1994, fundamento de dereito oitavo.

[12] . Este recurso foi desestimado polo tsxg na Sentencia 607/1994, dictada o mesmo día que a Sentencia 606/1994.

[13] . Outra sentencia similar é a dictada polo ts o 21 de febreiro de 2000, na que se resolve o recurso de casación número 280/1992. O Alto Tribunal estima o recurso no que a Generalitat valenciana pretende facer vale-la competencia autonómica respecto da denominación oficial dos municipios da comunidade autónoma. Deste xeito reafírmase a competencia da Generalitat de Valencia para cambia-lo o nome do municipio de Vall de Uxó polo de La Vall d’Uxó.

[14] . Xornal Expansión, 7 de outubro de 2000. A tese do Concello de A Coruña baseá- base na diferenciación entre a forma oficial do topónimo (A Coruña) e a que consideraban como forma tradicional (La Coruña).

[15] . Estes dous artigos versan, respectivamente, sobre os dereitos fundamentais á propia imaxe e á participación dos cidadáns nos asuntos públicos.

[16] . Xornal La Voz de Galicia, 7-5-2002.

[17] . Xornal El Ideal Gallego, 19-6-2002. Con posterioridade o gabinete técnico da Presidencia do Tribunal Constitucional (nunha carta remitida á mnl, con data de 3-9-2002) aclarou que o nome «legal» e «oficial» da cidade era A Coruña, pero consideraba correcto o emprego da forma castelanizada do topónimo cando se estea a usa-lo castelán. Igualmente, nesta misiva lémbrase que o tc non se pronunciou sobre o «fondo do asunto».

[18] . Xornal La Opinión, 10-5-2002.

[19] . Vid. González-Varas Ibáñez, Santiago, «Spain is different (El mito de las lenguas)», Revista de Administración Pública, nº 156, septiembre-diciembre 2001, p. 157.

[20] . Vid. artigo 10.2 da lei 10/1982, de 24 de novembro.

[21] . Neste sentido destaca a stc 56/1990, de 29 de marzo.

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR