Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Rango de LeyDecreto

A conservación da variedade da vida, na súas formas xenética, de especies e de comunidades, debe de ser un dos obxectivos prioritarios da política vixente, tanto polo papel desta biodiversidade no funcionamento dos sistemas que soportan a nosa existencia como por representar unha fonte de recursos de distinta índole para o home, entre os cales se atopa o seu valor cultural, outorgando un carácter distintivo ao noso ambiente. Deste xeito foi posto de relevo a escala mundial por todos os países que participaron no Cumio da Terra e subscribiron o Convenio da Diversidade Biolóxica. Neste senso, un dos aspectos prioritarios a que se debe prestar unha atención preferente é a conservación daquelas formas de vida e os seus hábitats que na actualidade corren un maior risco de desaparecer, aspecto que foi recollido tanto na Estratexia Española de Conservación e Uso Sustentable da Diversidade Biolóxica como na Estratexia Galega de Conservación da Biodiversidade.

A preservación ambiental da flora e a fauna galega obedece a unha repartición de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia que vén regulado nos artigos 148 e 149 da Constitución española. Neste senso, a competencia do Estado reside na fixación da lexislación básica sobre protección do ambiente e neste contexto a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de Conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre establece no seu artigo 29 a obriga das administracións públicas de catalogar aquelas especies de fauna e flora cuxa conservación exixa medidas específicas de protección. Así mesmo, o artigo 30 crea o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e faculta ás comunidades para estableceren catálogos nos seus respectivos ámbitos territoriais, desenvolvéndose posteriormente o Catálogo Nacional mediante o Real decreto 439/1990, do 30 de marzo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, pola súa parte, ten competencia exclusiva para establecer normas adicionais de protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23, conforme prevé o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía. Neste contexto, co obxecto de aplicar medidas específicas de protección para as especies ameazadas, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza creou no seu artigo 48 o Catálogo galego de especies ameazadas. Neste senso, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, dedica o capítulo II, da catalogación de especies do título II aos instrumentos de catalogación (creación do Catálogo galego de especies ameazadas, do Rexistro galego de especies ameazadas e do Catálogo galego de árbores senlleiras), ás categorías de catalogación das especies, aos Plans de recuperación, protección, conservación e mellora das especies incluídas nestes catálogos e para os efectos da catalogación, cun nivel de prohibicións consonte a categoría de ameaza.

Así pois a determinación dos taxóns que, estando ameazados, requiran medidas específicas e excepcionais de protección e conservación en Galicia, farase mediante a súa inclusión nalgunhas das categorías do Catálogo galego de especies ameazadas.

O Catálogo galego de especies ameazadas deséñase sobre as bases da interpretación da Lei 4/1989, do 27 de marzo, dada pola sentenza 892/1999, do 18 de maio do Tribunal Supremo. Con respecto ao Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (CNEA) esta sentenza sinalou que a categoría «De interese especial» agrupa un gran número de taxóns que, sen encontrarse nunha situación real de ameaza, merecen unha atención particular, non sendo polo tanto unha categoría de ameaza como tal. En virtude do exposto, ante a necesidade de definir adecuadamente a situación real de ameaza dalgunhas especies incluídas no catálogo nacional e adaptar as categorías de ameaza á xurisprudencia do Tribunal Supremo, e dado que o Catálogo galego de especies ameazadas se configura como un instrumento dinámico e revisable a teor do coñecemento científico-técnico e das estratexias globais en conservación, este decreto soamente regula as categorías de en perigo de extinción e vulnerable , quedando pendente o desenvolvemento das outras categorías de ameaza establecidas na Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Dado que, por mandado da Comisión Nacional de Protección da Natureza se puxeron en marcha as accións necesarias para adaptar a Lei 4/1989, do 27 de marzo, ao mandado do Tribunal Supremo, este regulamento incorpora xa algunhas das cuestións máis relevantes como os criterios de catalogación, e establece no seu articulado disposicións que lle permiten adaptarse ás futuras modificacións da lei.

Na súa virtude, tendo en conta as consideracións que anteceden, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezanove de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación do Catálogo galego de especies ameazadas, creado pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, así como o desenvolvemento das previsións sobre o catálogo contidas nesta lei. A finalidade é evitar a perda da diversidade biolóxica en todas as súas formas, xa sexa xenética xa sexa de individuos ou de especie.

Artigo 2º Ámbito de aplicación.

Este decreto é de aplicación ás especies, ás subespecies ou ás poboacións de fauna e flora silvestre que se encontran nunha situación de ameaza dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

  1. Área de distribución potencial: será a área que pola súas características naturais e estado de conservación reúne condicións como hábitat do taxón. Formarán tamén parte da área de distribución potencial as áreas identificadas e verificadas como zonas de conexión entre os actuais núcleos de poboación.

  2. Área de ocupación: refirese á área máis pequena vital para a supervivencia das poboacións existentes dun taxón.

  3. Área de presenza: virá definida pola área onde a presenza de exemplares foi regular nos últimos cinco anos.

  4. Áreas prioritarias de conservación: son as áreas vitais para a supervivencia e recuperación dun taxón ou poboación ameazada. Incorporarán, como mínimo, os enclaves do refuxio, celo, reprodución e alimentación utilizados en diferentes estacións.

  5. Extinto en Galicia: cando non existe dúbida razoable de que o último individuo existente dun taxón no territorio galego está morto ou desaparecido no medio natural.

  6. Localidade: área xeográfica ou ecolóxica distintiva na cal un só acontecemento de ameaza pode afectar rapidamente a todos os individuos do taxón presente.

  7. Poboación: grupo do número total de individuos dun taxón que vive nunha área xeográfica, e que ten limitado o intercambio xenético ou demográfico con outros grupos ao estar separado xeograficamente ou por outro factor.

  8. Poboación reprodutora: unha (sub)poboación que se reproduce dentro do territorio galego, tanto sexa a totalidade do seu ciclo reprodutivo coma unha parte.

  9. Propágulo: entidade vivente capaz de se dispersar e producir un novo individuo maduro.

  10. Tamaño de poboación: número total de individuos maduros (capaces de se reproduciren) dun taxón.

  11. Taxón: categoría do sistema de clasificación taxonómica inferior á especie; neste caso especie e subespecie.

TÍTULO II

Do Catálogo galego de especies ameazadas

Artigo 4º Catálogo galego de especies ameazadas.
  1. O Catálogo galego de especies ameazadas é un rexistro público de carácter administrativo, dependente da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, no cal se inclúen, de conformidade co procedemento establecido no presente decreto, aquelas especies, subespecies ou poboacións pertencentes á flora e fauna silvestre que, atopándose ameazadas, requiran medidas de protección específicas.

  2. O Catálogo materialízase nun rexistro cun tomo para cada categoría de ameaza e complementarase cun arquivo no cal quedarán depositados os documentos técnicos cales acompañaron o expediente de catalogación, así como as actualizacións deles, se for o caso.

  3. As follas do rexistro deberán ser dilixenciadas e nelas incluiranse todas as especies, subespecies ou núcleos de poboación incluídos no catálogo con mención do acto xurídico de aprobación da súa catalogación e das posteriores modificacións. Nestas follas faranse constar expresamente os criterios que serviron de base para a súa catalogación e un extracto dos parámetros máis relevantes indicadores do estado da conservación da especie.

Artigo 5º Das categorías.

De acordo co disposto no artigo 49 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, as especies que se inclúan no dito catálogo deberán clasificarse nalgunha das seguintes categorías:

  1. En perigo de extinción: reservada para aquelas cuxa supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando.

  2. Sensibles á alteración do seu hábitat: referida a aquelas cun hábitat característico particularmente ameazado, en grave recesión, fraccionado ou moi limitado.

    c)Vulnerables: destinada a aquelas que corren perigo de pasar ás categorías anteriores nun futuro inmediato se os factores...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR