Estado de benestar: evolución e perspectivas

AutorConstantino Cordal Rodríguez; Xosé María Mahou Lago
Páginas156-158

ESTADO DE BENESTAR: EVOLUCIÓN E PERSPECTIVAS
CONSTANTINO CORDAL RODRÍGUEZ
Profesor da Área de Ciencia Política e da Administración
Universidade de Vigo
XOSÉ MARÍA MAHOU LAGO
Profesor da Área de Ciencia Política e da Administración
Universidade de Vigo
1. INTRODUCIÓN
Neste artigo pretendemos definir o concepto de Estado de Benestar e realizar un percorrido
pola súa evolución desde as súas orixes até a recente actualidade, na que estamos a padecer as
devastadoras consecuencias da crise ocasionada pola existencia da pandemia da enfermidade coñecida
como COVID-19, causada á súa vez polo denominado Coronavirus SARS-CoV-2.
Nas seguintes páxinas tamén describiremos os distintos modelos de benestar existentes,
analizaremos as súas crises e presentaremos as perspectivas que, na nosa opinión, se contemplan para
este sistema (ou sistemas) de organización social.
O Estado de Benestar constitúe a maior experiencia histórica de intervencionismo público. Se
algo caracteriza ao Estado de Benestar é a súa disposición a intervir abertamente na sociedade civil,
non só de xeito cuantitativo, aportando máis recursos ás políticas propias dos Estados liberais, senón
tamén de modo cualitativo, poñendo en funcionamento políticas e programas circunscritos
tradicionalmente ao marco das relacións económicas e sociais privadas. Isto trouxo consigo o
crecemento, sen precedentes, dos aparellos estatais e do gasto público, ademais dunha multiplicación
das normas en todos os ámbitos da actuación pública.
Como calquera outro concepto que é obxecto de estudo polas ciencias sociais, definir Estado
de Benestar non é unha tarefa doada. A Real Academia Española proporciónanos unha valiosa e, á
par, operativa definición deste tipo de Estado como “sistema de organización social no que se procura
compensar as deficiencias e inxustizas da economía de mercado con redistribucións de renda e
prestacións sociais”. Cazes define o Estado de benestar como un conxunto de actividades civís de
prestación de servizos, de regulamentación e de pagamento de transferencias que son exercidas polo
poder público, sexa para aumentar o benestar da colectividade nacional, sexa para modificar a
distribución dese benestar entre a poboación (1985: 218).
Ben incidindo no seu carácter organizativo ou institucional, ben incidindo nos resultados das
súas accións, o Welfare State cumpre, a xuízo de Mishra (1989: 56), tres obxectivos esenciais: a
intervención estatal na economía para manter o pleno emprego; o fornecemento público dunha serie
de servizos universais; e, a responsabilidade estatal no mantemento dun nivel mínimo de vida,
entendido como dereito social e non como caridade pública para unha minoría.
Deste xeito, o Estado de Benestar regula a actividade económica, á vez que proclama, como
misión principal, o benestar da sociedade, provendo bens e servizos sociais ao conxunto da
poboación para mellorar as súas condicións materiais de vida (sanidade, seguridade social, educación,
vivenda, protección social e promoción social), así como para aumentar a súa calidade de vida
(urbanismo e ordenación do territorio, medio ambiente, obras de infraestrutura acuífera, lecer,
cultura, defensa do consumidor, benestar comunitario). Tamén forma parte del toda a normativa que
regula a provisión de bens e servizos citados, a que establece as condicións de traballo, e a que define

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR